O Día do Libro máis complexo, marcado pola incerteza do futuro

A crise podería levar ao peche do 10% das librarías, que seguen contando co apoio e compromiso dos seus clientes de barrio habituais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2020 | Actualizada ás 17:42

Comparte esta noticia

A crise sanitaria, social e económica que deixa tras de si a COVID-19 conta cunha especial repercusión no pequeno comercio e nos establecementos de barrio. Este Día Internacional do Libro pon o foco nas librarías, especialmente, nunha xornada marcada tradicionalmente pola proximidade, decenas de actividades e a promoción da lectura cara a veciñanza, pero que se ve obrigada a outras alternativas ante a eliminación da presencialidade.

O "non día do Libro", ironiza Pilar Rodríguez, presidenta da Federación de Librarías de Galicia, en declaracións a Europa Press. Sobre todo, incidiu nas implicacións que ten para os establecementos de barrio, a perda dunha xornada tan consolidada e na que a figura do libreiro se sitúa no centro, como vínculo entre a veciñanza e a cultura.

As librarías afrontan un escenario difícil polas perdas e a redución da facturación, segundo alerta un informe do Observatorio da Cultura Galega dado a coñecer este xoves e que conta coa participación da propia federación, a Asociación Galega de Editoras e a Asociación de Escritores en Lingua Galega.

O sector prevé unha redución da facturación de máis do 30 por cento. O ámbito máis afectado é o das artes gráficas e impresión comercial, que aínda non se recuperou da caída do 70 por cento da crise de 2008 que se mantivo ata 2013 e que levou a unha redución "moi severa", de preto do 50 por cento.

As librarías, pola súa banda, calculan que os peches afectarán "como mínimo a un 10 por cento destes establecementos", nun momento no que as compras están practicamente paralizadas salvo pola contribución dos clientes de barrio habituais, que se sumaron a seguir comprando a través da súa campaña para achegar a lectura e os libros aos fogares.

Rodríguez lembrou que entre o 15 de marzo e o 15 de abril se concentra o maior número de publicacións do mundo editorial en España, polo que sería "unha risa" falar de cifras concretas ante as perdas que se están experimentando ao coincidir co golpe da crise do coronavirus.

Ao mesmo tempo, todas as feiras do libro se tiveron que aprazar, aínda que a administración galega se mostrou "polo labor" de colaborar para facilitar a súa celebración cando se levanten as medidas restritivas.

DINAMIZADORES CULTURAIS

Hai zonas moi afectadas por esta situación, sobre todo no rural. Pilar Rodríguez instou a "defender" as librarías galegas, enclaves culturais "na maioría dos pobos" e nos que o libreiro actúa moitas veces como un "dinamizador cultural bestial", suplindo en casos a falta de biblioteca e outras opcións para a veciñanza. "Esa é a nosa xente", destacou.

Os clientes habituais seguen respondendo, mesmo nesta xornada Internacional do Libro sen eventos, e os habituais dos establecementos seguen pedindo obras a estes locais, que tentan repartilos polos fogares na súa contorna próxima onde "todos colaboran para que a libraría siga aberta".

O problema radica en que non están "preparados", nin os traballadores dos pequenos negocios ante unha cadea de distribución de pedidos que implica un "traballo bestial", nin os clientes ante unha forma de adquirir os seus libros á que non están habituados.

Aínda así, móstranse moi agradecidos co apoio recibido dos veciños, o que evidencia aínda máis a concienciación do Día do Libro como "unha tradición moi establecida" e a importancia desta profesión.

POTENCIAR A VENDA

As demandas do sector redúcense, especialmente, a potenciar a venda en librarías. Desde as institucións, mediante un aumento do 50 por cento do orzamento destinado á rede de bibliotecas, e con partidas extraordinarias desde os municipios para que as súas propias bibliotecas se doten con libros das librarías.

Outra parte ten que ver coa 'volta ao cole', e un aumento nas contías das axudas para a compra do material escolar, ademais de que os bonos se poidan trocar neste tipo de establecementos, priorizando os pequenos negocios. "Que se regularice esa venda, que se faga por aqueles lugares nos que maioritariamente se mantén un espazo de libros o resto do ano".

Pilar Rodríguez agradeceu ademais a rapidez de resposta do Goberno galego ante a chamada do sector e asegurou que se mantén o contacto constante co responsable de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, para analizar a situación e as medidas a adoptar.

XORNADA LÚDICA

A conmemoración internacional do libro está a producirse, esencialmente, a través das redes sociais. Varias librarías de toda Galicia, autores e editoras trasladan as súas recomendacións para a xornada, como levan facendo desde que se iniciou o confinamento.

Outras institucións e entidades están a ofrecer materiais gratuítos, como son os museos, as bibliotecas e os arquivos, con diversas obras, estudos e catálogos de exposicións. A Xunta, pola súa banda, distribuíu unhas 4.000 obras polos catorce hospitais públicos de Galicia adquiridos das editoras.

Entre elas, atópanse obras como A peregrina gastrónoma, escrita por María Canosa; clásicos de autores como Ricardo Carvalho Calero ou monografías como 'Astronomía. A ollo ceibe', de Ramón María Aller.

O obxectivo é visibilizar o "importante papel" que xoga a industria do libro dentro da sociedade, levando a cultura aos fogares galegos.

Imaxe dunha libraría.
Imaxe dunha libraría. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta