A Deputación da Coruña impulsará unha nova ferramenta en liña sobre a realidade socioeconómica da provincia

O Concello da Coruña apraza a 2021 as facturas de auga a negocios coa actividade suspendida

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 08/05/2020 | Actualizada ás 12:48

Comparte esta noticia

A Deputación da Coruña publicou na plataforma de contratación do Estado a licitación da creación, publicación e mantemento do Barómetro Socioeconómico Local (BSL), "unha nova ferramenta en liña que permitirá radiografiar a realidade social e económica do territorio provincial, póndoa a disposición da cidadanía".

Segundo explica, o Barómetro recollerá, "de forma simple e intuitiva", datos recompilados de fontes oficiais e mostrará, mediante gráficos e mapas interactivos, a situación actual e a evolución temporal e territorial de indicadores relativos ao mercado laboral, a evolución demográfica, a economía e competitividade, a cohesión social, así como datos do catastro, urbanismo e vivenda, transporte ou xestión económica do sector público.

O Barómetro permitirá a realización de informes, pirámides de poboación ou mapas temáticos "que faciliten unha comparación sociométrica de distintos concellos ou comarcas, ofrecendo unha perspectiva da súa evolución ao longo do tempo".

Esta nova ferramenta en liña estará integrada e coordinada coa Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais (EIEL) da Deputación, unha base de datos adaptada a un sistema de información xeográfica que permite acceder a máis de 4,5 millóns de datos como os equipamentos culturais, deportivos ou sanitarios de cada municipio.

A Deputación da Coruña creará un barómetro socioeconómico local. DEPUTACIÓN DA CORUÑA
A Deputación da Coruña creará un barómetro socioeconómico local. DEPUTACIÓN DA CORUÑA | Fonte: Europa Press

IMPOSTOS

Por outra banda, os comercios e negocios da Coruña suspendidos da súa actividade pola COVID-19 poderán aprazar o pago das facturas de auga, emitidas entre o 1 de abril e o 30 de setembro, ata febreiro de 2021, segundo informa o Consistorio coruñés.

Sobre esta medida, explica que o goberno local ofrécelles esta moratoria a través da Empresa Municipal de Augas da Coruña (Emalcsa) "co fin de axudarlles a compensar o impacto económico e social da crise sanitaria". Tamén explica que os interesados poderán solicitala por correo electrónico e asignar nel unha conta, onde se lles cargarán os tributos o ano que vén. O cargo bancario á conta designada realizarase a partir do 1 de febreiro de 2021.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta