A "escravitude" dos traballadores do AVE: xornadas de 14 horas, sen comer, sen beber e cun “bocata” para todo o día

A CIG recolle testemuños que “constatan escravitude, explotación e falta de seguridade laboral nas obras do AVE en Ourense”. “Dábannos auga dun rexistro próximo. Unha vez levantei a tapa desa arqueta e había merda humana dentro”, lembra un traballador.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 14/05/2020 | Actualizada ás 14:13

Comparte esta noticia

A CIG vén de facer público un exceso de xornada de case 70.000 horas nas obras do AVE en Ourense que suman preto dun millón de euros impagados a operarios e Seguridade Social, cunha denuncia que motivou que a Inspección de Traballo de Galiza iniciara actuacións en toda Galicia. Con todo, este sindicato recolleu testemuños directos nos que se constatan as “condicións de escravitude, explotación e falta de seguridade laboral que viviron os traballadores e as consecuencias económicas, sociais e psicolóxicas que seguen a padecer”.

Así, apuntan que Xurxo, traballador galego que estivo moi pouco tempo na obra, lembra que “traballan metendo travesas sen parar dende as 8 da mañá até as 9 ou as 10 da noite, até que eles che mandaban parar; nese tempo estababamos sen comer ou ben comiamos dentro do túnel, case sen parar, un bocata que che daban alí”.

En ocasións permitíanlles ir comer ao hotel no que se aloxaban, “pero descontábanche unha hora” de traballo do seu soldo. “Ao final botabas todo o día traballando coma un escravo, cos encargados berrando e insultando todo o tempo”. No seu caso a situación durou pouco porque “no momento que protestas ou algo, chamada inmediata á oficina e para a casa”. Mais isto non significaba que rematasen os problemas. “Cando me botaron déronme de baixa voluntaria por non presentarme ao choio, así que nin cobrei a indemnización nin sequera tiven dereito ao paro”, recolle a CIG no seu informe.

A “TRATAMENTO PSICOLÓXICO”

Xoán é un técnico galego que estivo durante varios meses ocupándose de aspectos loxísticos da obra, até que decidiu marchar da empresa. “O que vivín alí era un pesadelo, o que lle fan a eses traballadores é tal cal, senón peor, do que conta a CIG na súa denuncia”. Tanto é asi que Xoán está desde entón submetido a tratamento psicolóxico. “Consecuencia desa obra desenvolvín un transtorno depresivo co que sigo pelexando a día de hoxe, e non son o único", di o informe da CIG.

“MERDA” NA AUGA

Xulio é un dos varios operarios que contactou coa CIG para denunciar, entre outras cousas, a falta de auga potábel nas obras. “Pedímola unha e outra vez, pero non nos fixeron caso; non había auga nin para facer a masa; mandábannos beber do mesmo depósito no que nos lavábamos; esa auga viña dun rexistro próximo; unha vez levantei a tapa desa arqueta e había merda humana dentro”.

Xaime, transportista que tamén prestou servizos nesta obra, corrobora esta versión contando que “cando chegabas alí moitos operarios achegábanse ao camión para preguntarme se tiña auga potábel, era terceiromundista”.

Xulio e o seu equipo de compañeiros sentiuse enganado. “Mentíronnos nas condicións de xornada, e de feito empezamos sen contrato nin EPI, así que marchamos para casa”. Mais volveron chamalos e volveu traballar, até que sufriu un accidente, e un enfrentamento cun encargado de quenda que lle tirou unha pedra, e marchou definitivamente da empresa. “Facíamos 12 horas, moitas veces de madrugada, e nin nos pagaban as nocturnidades. Para cobrar sempre dependías do que decidía apuntar o encargado nos seus partes de horas; se te levabas mal con el, olvídate. Aínda a día de hoxe non firmei ningún papel.”

MAGREBÍES SEN DEREITOS

Ahmed é un operario magrebí que vén de formar unha familia en Galicia. Ao pouco de asinar o contrato para as obras do AVE e tras traballar uns días, de repente deixaron de contar con el. “Cando preguntei por que non me chamaban para traballar dixéronme que uns tipos que xa me coñecían de antes lles foran dicir á empresa que eu estaba afiliado á CIG, e que en obras anteriores reclamara os nosos dereitos”. Desde entón, hai xa seis meses, non o volveron chamar.

Outro grupo de operarios magrebís desta obra acudiron á CIG porque a empresa se negaba a darlles a roupa e as botas de traballo, pretendendo que as pagaran do seu propio peto, polo que decidiron deixar de acudir ao traballo. Nese intre a empresa tentou argallar unha baixa voluntaria, só impedida pola intervención directa do responsábel da FCM-CIG na comarca, que logrou arrincar da empresa o compromiso de entregarlles a roupa de traballo, os EPI e reincorporalos á obra de inmediato.

MEDO

Manolo é un chofer sudamericano que prestou servizos no túnel de Cerdedelo, que foi precisamente o paralizado pola CIG en 2018 para denunciar a explotación e a mortalidade nestas obras. “Traballábamos 12 horas mínimo, de 8 a 8, de día ou de madrugada, máis a hora e media que nos levaba chegar ou marchar da obra”. El e o seu equipo tamén comeron bocatas todos os días, durante uns meses moi duros nos que apenas puido ver a familia que acaba de formar. “Tiña que saldar unha débeda que contraín como autónomo, e iso era o que tiña mentres non me chamaran para traballar noutro sitio”.

Todo por 1200 euros, pensión e coche. Mais o problema seguiría despois con Facenda. “A empresa só me retivo o 2%, e con varios pagadores, a Renda saiume a pagar case 1000 euros”. Manolo xa non aguantou o inverno, pero varios ex compañeiros relatáronlle como, por falta de quitaneves ou rodas especiais, “os camións baixaban cargados con máis de 10m3 de material, literalmente deslizándose coma un xabón por pendentes con máis dun 30% de inclinación”.

Roberto foi despedido por reclamar o que lle adebedaban. Logo de traballar uns meses na obra realizando traballos de cableado, sobre todo de noite, interesouse por se a empresa lle ía aboar as nocturnidades. Tras de bastante tempo de promesas e esperando para cobrar, ao ver a nómina descubriu que non. No momento que levantou a voz para protestar ante esta situación foi inmediatamente despedido.

Hai xa 3 meses que Pedro marchou dunha das subcontratas de Ferrovial. “Nunca traballamos menos de 10 horas e non nos pagaban as dietas nin as horas extras, pero eles si llo facturaban aos clientes”. Obrigáronlles a asinar os partes de 8 horas para poder entrar na obra e logo pagáronlles a metade do que lle correspondía. “A xente ía sen casco e ninguén dicía nada, non me explico como non houbo máis mortos”, lembra.

Traballos nun túnel das obras do AVE. CIG
Traballos nun túnel das obras do AVE. CIG

Tunel Ou Espiño AVE Galicia Madrid
Tunel Ou Espiño AVE Galicia Madrid
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Daniel F. Noquerol

Vivimos en un sistema esclavista. Para que los del sector público vivan como marajás, con todos los derechos del mundo, en el sector privado reina la esclavitud.

2 XanKaraLlás

Todo iso é consecuencia da maneira que ten a xente de cagar o voto. Os galegos somos responsables do que temos porque somos nós quen pomos no goberno a esa xente que fai o que fai. O que sae das urnas é o que metemos nelas. Se metemos kk sairá kk. Hai que votar co cerebro e non con certas partes que botan sustancias que cheiran mal.

1 Gamela

Ao Capital lle importa un nabo as necesidades dos seres humanos (Beiras) https://twitter.com/00Gamela/status... Esta sí é a realidade, como as colas para pedir comida á Cruz Vermella en Madrid, como eses ERTEs que Yolanda dí que pagou e moitas persoas están a denunciar que Non Cobraron e tantas e tantas situacións que agora ninguén quere siquera crer... Seica todo isto son BULOS que se inventa a xente para desgastar a un Goberno Progresista do Carallo! Amén...