A Consellería de Educación reúnese este mércores cos sindicatos polo reinicio da actividade lectiva e a OPE

Tamén se dará 'información sobre o proceso selectivo convocado pola orde do 24 de febreiro de 2020', as oposicións que quedaron aprazadas ata o próximo exercicio con motivo da crise sanitaria.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2020 | Actualizada ás 17:45

Comparte esta noticia

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional convocou este mércores aos sindicatos docentes para abordar os protocolos de reinicio da actividade lectiva nos centros galegos e as oposicións de profesor.

En concreto, o encontro celebrarase no marco da conferencia sectorial, ás 12,00 horas, coa CIG-Ensino, CC.OO. Ensino, ANPE Galicia e FesP-UGT, as entidades que contan con representación neste órgano de negociación e discusión sobre o ámbito educativo.

O primeiro punto da orde do día refírese especificamente ao 'proxecto de protocolo de reinicio da actividade lectiva', unha das cuestións demandas polas organizacións sindicais durante días e máis especialmente tras darse a coñecer a decisión da Xunta sobre o regreso parcial ás aulas a partir do 25 de maio.

En concreto, Educación permitirá aulas de reforzo e de carácter voluntario aos estudantes de 2º de Bacharelato e do segundo curso de FP Medio e Superior de Galicia, como medida incluída no plan de desescalada do Goberno central a partir da fase II.

Tamén se dará 'información sobre o proceso selectivo convocado pola orde do 24 de febreiro de 2020', as oposicións que quedaron aprazadas ata o próximo exercicio con motivo da crise sanitaria.

Os sindicatos de profesorado solicitaran ao Goberno galego que se presionase ao Ministerio de Educación para impulsar un cambio normativo do decreto que rexe estas oposicións, co obxectivo de que se puidesen acumular as prazas de 2020 e as de 2021 nun mesmo proceso.

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, trasladou esta petición á ministra Isabel Celaá durante a Conferencia Sectorial celebrada o pasado xoves.

O Goberno central non pechou a porta a esta posibilidade e púxose a disposición dos servizos xurídicos, aínda que afirmou que a demanda ten "cabida" no decreto que se está tramitando no Estado.

PROTOCOLOS CLAROS

As organizacións sindicais pediran á Xunta unha reunión para abordar as cuestións do regreso parcial ás aulas que afectan á organización, os procedementos a seguir e sobre todo ás implicacións en materia de prevención de riscos, tendo en conta que dúas destes sindicatos xa presentaron denuncia na Inspección de Traballo.

Suso Bermello, de CIG-Ensino, instou a preparar todas as medidas necesarias antes da incorporación do profesorado e os alumnos.

"Non valen recomendacións. Ten que haber un protocolo legal, publicado no DOG e negociado coas organizacións sindicais", advertiu, para avanzar que a CIG tomará "as medidas oportunas de carácter legal" para tentar impedir calquera incorporación "sen existir esas garantías" de seguridade e saúde.

Aínda que estas organizacións están a favor de permitir o reforzo para o alumnado que se presentará á selectividade, si cren conveniente a necesidade de reforzar e reestruturar o persoal docente, ademais de eximir aos grupos de risco.

Desde CC.OO. Ensino insistiu na importancia de analizar e avaliar os riscos de cada posto de traballo e de elaborar protocolos específicos ante a COVID-19, unha cuestión que "se eludiu" por parte da Xunta amparándose nas instrucións do Ministerio de Educación.

"Os protocolos non son intercambiables pola situación específica de cada centro", considera, e esixe "instrucións claras" para sacar adiante estas xornadas lectivas presenciais e voluntarias, para advertir que "non se dubidará en denunciar ante a autoridade laboral pertinente" calquera situación "que poña en risco a saúde" tanto dos traballadores como do alumnado.

CONTRA "EXPERIMENTOS"

Xullo Díaz, de ANPE Galicia, pediu que se deixe de "botar balóns fóra", posto que os centros están "moi pillados de tempo" mentres se toman medidas "á esculca do gran de millo".

Para Díaz, o obxectivo debería ser enfocarse no curso que vén, para poder arrincar en condicións e que non debe pasar por unha "educación de dúas velocidades" debido á falta de recursos das familias.

"Facer experimentos a final de curso non vai ser bo", apuntou, para lembrar que lle Organización Mundial da Saúde xa está a advertir do "repunte importante" de casos da pandemia, o que obriga a preparar debidamente o sistema.

"É excesivamente prematuro", reiterou, para advertir que o comité de Saúde Laboral non tivo "nin un só contacto" de Educación para estudar as medidas necesarias.

Paula Carreiro, de FeSP-UGT, reprocho que a Consellería lanzase "ao aire" a súa proposta, sen negociar cos representantes do profesorado posto que, ademais das cuestións de prevención de riscos, aínda se descoñece o alumnado por aula, os docentes que terán que acudir, e a metodoloxía para poder compatibilizar esta reincorporación coa teledocencia.

"Pode implicar unha carga moi importante para o profesorado e teñen que delimitar ben a forma na que van facer as cousas", sinalou, ademais de todo o relativo aos dereitos de conciliación.

ATENCIÓN

A CIG tamén incidiu este luns en instar á Consellería a solucionar os problemas en materia de protección de datos que se están producindo coas plataformas de videoconferencias ou de almacenamento.

Doutra banda, a plataforma "Dereitos, Non Parches" denunciou a exclusión do alumnado con necesidades educativas especiais dos modelos de adaptación das programacións didácticas para este terceiro trimestre.

Fotos Xunta. Mesa Sectorial Do Ensino.. Xunta de Galicia - Arquivo
Fotos Xunta. Mesa Sectorial Do Ensino.. Xunta de Galicia - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Segundo Isabel Celaá todo vai ter cabida nos Decretos da Moncloa... pero mentras tanto o día 25 de maio o lío ímolo ter nós e tódolos pais e nais en Galicia (?) Esto do estado de alarma é cojonudo: os poderes para nós e os problemas para vós !!! Unha fermosa lei do embudo !!! Pero indo ao que verdadeiramente interesa o peligro está no vindeiro curso escolar con dúas velocidades (interesadas e moi ben planificadas) https://twitter.com/00Gamela/status... Unha educación de élite para quen poida PAGALA ?