As abeleiras de Mingos Lorenzo vello

A música tradicional en Galicia ten excelentes agrupacións integradas por gaiteiros e outros instrumentistas con coñecementos musicais, e por homes e mulleres en coros de polifónicas voces ben harmonizadas.

Por Xosé Glez. | Vigo | 06/07/2020

Comparte esta noticia
Con arranxos  musicais acaídos estase a conseguir que as partituras rescatadas do faiado da memoria acaden fermosas sonoridades tímbricas. Escoitar a discografía destas formidables agrupacións é unha auténtica regalía para os ouvidos O mesmo podemos dicir da recuperación dos vestiario tan rico e diverso con cadanseu matiz xeográfico.  O noso  folclore vive un fulxente rexurdimento
 
Mingos Lorenzo Vello, que desde hai tres anos durme fóra da casa, ten moito que ver con este rexurdimento folclórico. A súa longa andaina nos vieiros da música foi longo (foi cofundador de A Roda e Treixadura, Pedraquetiña...), así como dinamizar outros que acadaron o aplauso do masivo público que ateigaron as súas actuacións en auditorios e prazas públicas.  A súa obra postreira é Abeleiras, unha agrupación composta por corenta integrantes, dirixido polo seu fillo Mingos Lorenzo Varela, que vén de publicar un disco dedicado a súa memoria co título “Abeleiras.Legado”, que toman o seu nome do lugar de ensaio na parroquia de Alxán, en Soutomaior.
 
As máis das pezas que recolle este disco son composicións con letras e músicas  do propio Mingos Lorenzo. O ¨Valse do Xabriña”, dedicado ao regato que en Mondariz conflúe co río Tea,  é unha delas. Ten a emotiva singularidade de que foi composta  na cama hospitalaria  na que días despois falecería en marzo  de 2017. “Mondariz está no alto/O Troncoso está no sur/O Xabriña polo medio/Quen sabe onde estás tu/Meu amor onde andarás./ O son do rio Xabriña/Namora co seu cantar/As cesteiriñas que levan os mimbres a refrescar/Os mimbres a resfrescar/Cesteiras de Mondariz/Os cesteiros,moreniña/ Suspiran por ti”. 
 
Unha fermosa letra para que o Concello de Mondariz-Balneario a esculpise en pedra, e que a través dun código QR os moitos forasteiros que acuden a aquela Vila a puidesen descargar no terminal para cantar en leda compaña.
 
Hai que escoitar este valse coa música que el compuxo,  interpretado  por fermosas voces e instrumentistas entres os que están Fini Varela, a súa muller, co acordeón, e o seu fillo Fran co tamboril, pandeiro, pandeireta e tarrañolas, para sentir a emoción que producen a evocación  daquelas paisaxes nas que tantas emocións e sentementos  aniñan nelas. Os seus fillos Mingos, Fran e Miriam son hoxe os herdeiros dunha tradición musical aprendida naquela casa de Cidadelle,en Chapela, desde onde se dexerga a mellor paisaxe da ría de Vigo. Non é de estrañar que lle inspiraran outra composición con moito ritmo, titulada “Mar de Vigo” (“Mar de Vigo, mar de Vigo/Mar que nas ondas levou/Corazóns rotos de pena/Pero xamais os voltou”.)
 
O estilo da súa escritura poética e sensibilidade defíneno perfectamente, porque ao tempo que escribe os versos está compoñendo a  música e pensando como  a han cantar os homes e mulleres de Abeleira. Nese xenio creador está a grandeza artística de Mingos. O poeta Ramón Cabanillas, é o precedente máis excelso desa  tradición versificación musical . A letra do poema “Muiñeira da revolta” tivo que agardar moitos anos para que o gaiteiro Xoaquín Xesteira lle puxese música e a interpretase “Treixadura” co seu orfeón do que formaba parte Mingos Lorenzo. 
 
“Abeleiras.Legado” é un disco que deberan escoitar todos os amantes da nosa música tradicional. Muiñeiras, valses, foliadas, xotas… da nosa tradición e outras da autoría de Mingos Lorenzo e de  Dosinda Martínez Hernandez, agochada no seudónimo literario  Dossy Domaher, escribe textos dun fino lirismo con métrica acaída para seren cantados. Mágoa que o andazo do coronavirus impidan as actuacións, agora adiadas, desta agrupación musical, que conseguirán a exaltación do sentimento de galeguidade imprescindible para acadarmos a fusión co mito da terra nai.
 
Cando escribo estas liñas, coa banda sonora do disco, chégame a triste nova da morte  do amigo Paco Lorenzo Boullosa que cantaba na corda dos tenores de Abeleiras, por mor do envorcamento do tractor  que conducía na súa aldea de Soutomaior. Que a terra que tanto acariñou o acolla cos mesmos aloumiños que el lle deu.  Reencontraranse  el e Mingos no alén,  no amor a Galicia e as súas tradicións. A pervivencia da nosa identidade cultural técena  persoas coma eles. Gratitude eterna para os dous.

O gaiteiro Mingos Lorenzo Vello
O gaiteiro Mingos Lorenzo Vello | Fonte: fundacioninade.org
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé González Martínez Presidente do Foro E. Peinador e da Fundación Lois Peña Novo, secretario da Asociación de Funcionarios para Normalización Lingüística, da Irmandade Xurídica Galega e Asociación de Amigos do Couto Mixto.