Traballadores de Teleperformance denuncian "descontos na nómina" por fallos técnicos de desconexión da rede

O comité de empresa da multinacional Teleperformance maniféstase fronte á delegación da multinacional da Coruña contra un sistema de teletraballo "ineficaz e incompetente". A empresa nega eses "descontos".

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 20/07/2020 | Actualizada ás 13:51

Comparte esta noticia

Medio centenar de delegados sindicais da empresa Teleperformance concentráronse ante a delegación da empresa na Coruña para rexeitar o sistema de teletraballo "ineficaz e incompetente" que os traballadores asumiron desde a crise sanitaria. "Os custos repercutiron de forma exclusiva no traballador sen ningún tipo de contraprestación", explicou a secretaria do comité de empresa, Clara García, que aludiu ó custo dos equipos informáticos, a conexión a internet ou a luz.

Nun primeiro momento, engadiu, o 60% do persoal comezou a traballar desde casa, unha proproción que agora baixa ó 30%. Os representantes de CCOO, UXT, CXT e CIG dos 800 empregados da compañía denuncian que durante o teletrabajo houbo, a nivel técnico, "moitas dificultades" e os traballadores, din, sufriron "cortes, incidencias e desconexións".

Traballador nun ordenador portátil
Traballador nun ordenador portátil

DESCONTOS DA NÓMINA

"A empresa pretende que eses tempos de desconexión os recupere o traballador", sinalou García, que indicou que a Inspección de Traballo ditou unha resolución na que indica que os tempos de desconexión son "responsabilidade" da empresa pero mantéñense, segundo García, un volume "importante" de "descontos en nómina" no mes de xuño e hai en marcha "multitude de reclamacións" por este motivo.

Á parte, a secretaria do comité de empresa tamén censurou que a compañía non permite comunicarse con ela aos empregados por escrito ou por correo electrónico e que restrinxiu "a unha única canle" o envío de reclamacións ou presentación de documentos. A aplicación informática interna que, din, están obrigados a utilizar "non devolve ningún tipo de acuse de recibo". "Estamos nunha posición de indefensión e pretenden afastar aos traballadores da representación sindical", acusou García.

Os delegados sindicais tamén lamentan que Teleperformance finalizase os seus servizos á empresa de telecomunicacións R. "Esta campaña que foi unha das máis importantes dos últimos 20 anos e deu emprego por centos de traballadores", apuntan.

VERSIÓN DA EMPRESA

Teleperformance, a través dun comunicado de prensa, rexeita "descontos en nóminas por incidencias informáticas relacionadas co teletraballo" e nega que sexan "de forma xeneralizada". A empresa afirma que está "ao dispor de todos os traballadores" para resolver calquera "incidencia ou dúbida" que teñan.

Ademais, a compañía apunta que a delegación da Coruña está "aberta e operativa", polo que ofrece as instalacións para o traballo presencial "ante posibles incidencias técnicas" e con "as máximas medidas de seguridade". Resalta que traballa para "asegurar a continuidade do negocio, os postos de traballo dos empregados e a seguridade de todos eles".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta