O xuíz pide unha nova análise de elementos do tren de Angrois co informe de Talgo que non estaba na causa

Aínda que cre que as últimas declaracións non achegan "nada novo", busca aclarar se os defectos apuntados por un exempregado "tiveron incidencia".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 31/07/2020 | Actualizada ás 16:57

Comparte esta noticia

O xuíz instrutor do caso Alvia, Andrés Lago, acordou requirir ao perito xudicial encargado do exame do material rodante que emita un novo informe en relación a distintos elementos do tren e á súa posible relación co sinistro de Angrois, así como que inclúa na súa análise un informe de Talgo sobre as probas de rodaxe e guiado do convoi, que non figuraba na causa ata este mes de xullo.

Accidente do Alvia en Angrois
Accidente do Alvia en Angrois | Fonte: Europa Press

A petición de novas dilixencias, a instancias da defensa do maquinista e da plataforma de vítimas do sinistro, prodúcese despois das declaracións prestadas o pasado 10 de xullo por empregados e exempregados de Talgo.

Unha destas testemuñas, extraballador da compañía, remitiu no seu momento unha declaración xurada ao xulgado dicindo que fora testemuña do borrado de determinados datos de avarías e defectos que el mesmo apreciara previamente na inspección do tren.

Como consecuencia, foron citados a declarar tres traballadores de Talgo. Durante a vista, o extraballador ratificouse na súa denuncia e os tres empregados negaron o borrado aínda que, entre outros elementos, admitiron a existencia dun informe de Talgo relacionado cunha proba de rodaxe e guiado realizada ao tren accidentado uns días antes do sinistro, un documento que non fora incorporado previamente á causa.

Á vista destes datos, e tras a petición das partes, o xuíz pediu ao perito que realizou a análise do material rodante que o amplíe no relativo aos "defectos" narrados polo extraballador e, máis concretamente, que estime se estes puideron ter algún tipo de "incidencia" no sinistro ocorrido o Santiago de Compostela o 24 de xullo de 2013, que causou a morte a 80 persoas. A maiores, pide que se incorpore a este informe o documento de Talgo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta