Máis de 100 hectáreas queimadas en dous novos lumes en Viana tras os cinco focos de hai dúas semanas

Outro en Ames quedou extinguido tras arder 21 hectáreas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/08/2020 | Actualizada ás 10:02

Comparte esta noticia

Medios de extinción traballan en dous incendios forestais rexistrados no municipio de Viana do Bolo, que afectan a unhas 50 hectáreas en cada caso; mentres que o lume declarado este martes no termo municipal de Ames quedou extinguido na madrugada deste mércores tras queimar unhas 21 hectáreas.

Así o informou a Consellería do Medio Rural, que indicou que permanece activo o incendio declarado na mañá deste luns na parroquia de Pradorramisquedo, en Viana do Bolo, que afecta a unhas 50 hectáreas.

Ata o momento mobilizáronse por mor deste incendio nove axentes, 25 brigadas, catro motobombas, catro avións e sete helicópteros. Pola súa banda, atópase controlado desde as 18,45 horas deste martes o lume rexistrado na noite deste luns na parroquia de Rubiais, no mesmo municipio de Viana do Bolo.

Neste caso as últimas estimacións sitúan a superficie afectada nunhas 50 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse ata o momento cinco axentes, 13 brigadas, oito motobombas, unha pa e un helicóptero.

EXTINGUIDO

Mentres, quedou extinguido ás 5,02 horas deste mércores o lume declarado ás 19,03 horas deste martes na parroquia de Bugallido, no municipio coruñés de Ames.

Tras as medicións realizadas, indica Medio Rural, a superficie afectada sitúase en 21,5 hectáreas, das cales 18 corresponden a arboledo e 3,5 a monte raso. Na súa extinción participaron 14 axentes, 22 brigadas, 11 motobombas, unha pa, seis avións e seis helicópteros.

Incendio en Cerdedo-Cotobade
Incendio en Cerdedo-Cotobade | Fonte: ATBRIF.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta