Un sindicato policial pide unha investigación interna polo interrogatorio ao capitán do Deportivo

A Unión Federal de Policía (UFP) pide "ter máis coidado á hora de utilizar os recursos públicos e non malgastalos en asuntos sen relevancia".

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 11/08/2020 | Actualizada ás 18:57

Comparte esta noticia

O sindicato Unión Federal de Policía (UFP) pediu que se abra unha investigación interna pola actuación na que se interrogou o xogador do Deportivo Álex Bergantiños tras un audio seu de Whatsapp no que falaba cos seus compañeiros do partido contra o Fuenlabrada da Segunda División suspendido por positivos en coronavirus.

Xogadores do Deportivo
Xogadores do Deportivo | Fonte: LALIGA - Europa Press.

Nunha carta dirixida este martes pola UFP ao director xeral da Policía, Francisco Pardo, a organización pide que se investigue a actuación do ex director adxunto operativo (DAO) Florentino Villabona, que tras a súa xubilación pasou a traballar para LaLiga de Fútbol, "por se utilizase a funcionarios policiais para o seu uso como integrante dunha institución privada".

A UFP pide explicacións adicionais da Dirección Xeral polo interrogatorio do xogador do Deportivo, que marchou sen medidas cautelares. A actuación foi cuestionada nun auto xudicial por levarse a cabo "baseándose nun simple audio de Whatsapp no que non hai evidencia algunha de manipulación de ningún partido".

Segundo este sindicato, no auto xudicial sinálase que "habería que ter máis coidado á hora de utilizar os recursos públicos e non malgastalos en asuntos sen relevancia".

Tamén lembra a UFP na carta que asina o seu secretario xeral, Víctor Manuel Duque León, que a denuncia polo audio se interpuxo o mesmo día da detención de Bergantiños, despois de que a Comisaría Xeral de Policía Xudicial dispuxese o traslado de dous funcionarios do Centro Nacional de Policía de Integridade nos Deportes e Apostas (CENPIDA).

O partido Deportivo-Fuenlabrada foi aprazado polos positivos en Covid-19 no equipo madrileño, o que motivou as queixas cruzadas de varios equipos que entendían que afectou á competición.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta