Unha megamina de litio ameaza con contaminar a desembocadura do Miño

Colectivos galegos e portugueses únense para loitar contra unha multinacional australiana que quere iniciar prospeccións na Serra da Arga, en Caminha. Tamén están previstas na zona de Montelegre, fronteiriza con Ourense.

Por Galicia Confidencial | A Guarda | 27/08/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Varios colectivos galegos e portugueses uniron as súas forzas para evitar o que consideran un novo atentado medioambiental. Desta volta, trátase dunha megamina de licio que a multinacional mineira australiana Dakota, a través da súa filial en Portugal, Lusorecursos LTD, ten proxectada na Serra da Arga, un espazo de gran valor ambiental situado en Camiña, fronte a Guarda.

Acción de Sos Serra da Arga en contra da mina de litio nesta serra
Acción de Sos Serra da Arga en contra da mina de litio nesta serra | Fonte: SOS Serra da Arga

Precisamente, a súa cercanía ao Miño fai temer que a contaminación poida chegar á desembocadura do gran río que divide Galicia e Portugal. Por iso, a Asociación Naturalista do Baixo Miño, Anabam; o Centro Social Fuscalho; e A Jalleira (Asociación Forestal e de Educación Ambiental), todas elas con sede na Guarda, únense ao Movemento SOS Serra d'Arga, constituído no Alto Minho portugués, para evitar que se leve a cabo este proxecto mineiro ao que o goberno portugués xa deu o visto e prace.

Estes colectivos lanzaron un manifesto conxunto en contra esta explotación e anunciaron que van levar a cabo unha serie de accións nas localidades fronteirizas, durante as próximas semanas, para sensibilizar á poboación sobre esta problemática da mineralización de litio que, se leva adiante, din, poría en risco os recursos naturais da rexión, en especial ao río Miño.

Na xornada de traballo posterior, xurdiu a declaración conxunta en defensa do patrimonio común: "O norte de Portugal e Galicia son casa para dous pobos irmáns, unidos non só pola matriz da lingua, senon tamén pola paisaxe, a cultura e por un río que nos abraza e aproxima”.

TAMÉN NA FRONTEIRA CON OURENSE

Ademais da serra da Arga, hai outras dúas zonas portuguesas fronteirizas con Galicia e Castela e León que se converteron nas grandes reservas europeas para a futura extracción de litio que abasteza ás factorías europeas de baterías para coches eléctricos. Así, a zona de Montalegre -na fronteira con Ourense- e o termo de Barca D'Alba, situado na fronteira natural que marca o río Douro entre esta poboación e o Parque Natural Arribes do Douro de Salamanca e Zamora tamén están no punto de mira das grandes mineiras.

De feito, estas tres áreas pretenden ser exploradas pola empresa mineira australiana Dakota. Segundo a multinacional, estas reservas son ricas no mineral denominado pegmatita, unha roca da que se podería extraer o óxido de litio.

RESERVAS "MÁIS IMPORTANTES" DE EUROPA

Até a data, Dakota realizou 17 prospeccións na zona de Montalegre, fronteiriza coa provincia galega de Ourense, nunha área que denominou "Proxecto Sepeda" e onde, segundo as estimacións máis recentes, habería un potencial de máis de 10 millóns de toneladas de pegmatita, o que suporía unha vida útil de dez anos de minería.

Protesta en Portugal contra a mina de Litio, na multinacional Arkansa, na Serra da Arga
Protesta en Portugal contra a mina de Litio, na multinacional Arkansa, na Serra da Arga | Fonte: SOS Serra da Arga

Entre as primeiras conclusións que deu a coñecer Dakota tras as prospeccións nos últimos meses, figura que nestas tres zonas do territorio luso atoparíase a "maior reserva de litio de Europa".

DEMANDA DO MERCADO DO COCHE ELÉTRICO

A multinacional insiste en que esta zona mineira de litio ten unha especial relevancia ante a crecente demanda de produción de baterías de litio para coches eléctricos no seo da Unión Europea (UE).

Segundo Dakota, en Europa hai nove "megafactorías" ou proxectos en fase xa de produción de baterías para coches eléctricos, que necesitarán unha zona de abastecemento próxima, que podería ser este enclave do norte portugués. De feito, Portugal é un dos países do mundo máis favorables a estas actividades mineiras. O primeiro ministro, Antonio Costa é partidario a que en territorio luso se fabriquen baterías de litio para coches eléctricos.

A empresa australiana estaría disposta a explorar novas reservas de litio en Portugal e para os próximos meses ten previsto a prospección de 47 novos foxos na súa terceira fase de exploración na zona mediante catro plataformas de perforación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Leonel Ribeiro da Silva

Não quero a destruição do ambiente tanto em Portugal como na Galiza ou na península ibérica.

2 Pigs

Minaría das máis destrutoras a de litio. Iso tamén para os defensores do coche elétrico por "ecolóxico". Xa sei que os de combustión son contaminantes, pero os elétricos tamén, dunha forma diferente pero contaminan.

1 miñoca

En qué andan as multinacionais australianas? ver Minas de Varilongo Santa Comba