A 'Operación Retorno' desenvólvese sen incidencias e cun descenso do 13,2% no tráfico

Non houbo ningunha vítima mortal nas estradas galegas desde o venres.

Por E.P. | A CORUÑA | 31/08/2020 | Actualizada ás 15:14

Comparte esta noticia

A 'Operación Retorno' está a desenvolverse en Galicia sen incidencias e cun descenso do 13,2% no tráfico, segundo informa a Delegación do Goberno en Galicia e de acordo cos datos solicitados tamén por Europa Press.

En concreto, a operación especial de tráfico do fin da tempada estival, que comezou o venres e que conclúe ás 23,59 horas deste luns, está a mostrar "unha tendencia tranquila, sen vítimas mortais nas estradas galegas", apuntan desde a Delegación do Goberno. Este ano, ademais, o descenso no nivel de tráfico nas estradas da Comunidade mostran unha baixada dun 13,2% respecto ao verán do ano pasado.

Por outra banda, segundo os datos achegados pola Delegación do Goberno, desde o venres non houbo ningunha vítima mortal nas estradas galegas. Galicia suma ata a data 37 vítimas mortais nas estradas, 26 menos que a estas alturas do ano pasado (62). Por provincias, son 13 na Coruña (-16), 6 en Lugo (-4), 5 en Ourense (-1) e 13 en Pontevedra (-5).

Esta diminución "está motivada polo descenso da circulación durante o período do estado de alarma pola COVID-19", precisan desde este organismo.

EXTREMAR AS PRECAUCIÓNS

Con todo, o delegado do Goberno, Javier Losada, apela á necesidade de extremar as cautelas na estrada, ademais de lembrar a importancia do "consumo cero" e o respecto aos límites de velocidade.

Tamén remarca a importancia do uso do cinto de seguridade por parte de todos os ocupantes dos vehículos, así como o casco para os usuarios de motocicletas.

Punto de control da Garda Civil de Tráfico. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Punto de control da Garda Civil de Tráfico. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta