A UDC deseñará unha "proposta estratéxica" para a fachada portuaria da Coruña antes de final de ano

A alcaldesa e o reitor asinaron un convenio para elaborar o documento e outro para crear un laboratorio de mobilidade sustentable.

Por E.P. | A CORUÑA | 04/09/2020 | Actualizada ás 15:07

Comparte esta noticia

A Universidade da Coruña (UDC) elaborará unha "proposta estratéxica" para a fachada portuaria da cidade antes de que acabe o ano, tal e como recolle un convenio asinado este venres polo reitor, Julio Abalde, e a alcaldesa, Inés Rey. O ámbito do documento serán os actuais peiraos de Batería, Calvo Sotelo e San Diego, cuxa actividade se trasladará ao porto exterior.

Sobre esta cuestión, Inés Rey explicou que os expertos universitarios buscarán "escenarios alternativos" ao convenio asinado en 2004 para a desafectación dos peiraos, exporán "fórmulas de financiamento" e definirán "liñas estratéxicas" para o urbanismo e a mobilidade no ámbito "a curto, medio e longo prazo".

Pola súa banda, o concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, apuntou que, nos últimos 15 anos, xerouse diversa documentación que agora comporá un documento que espera que teña "o maior consenso político" e que se faga "falando" coa Autoridade Portuaria. "Unha alianza entre a cidade e o Porto", dixo, fará máis "solvente" a proposta.

"Temos a obrigación de abordar o que será un dos principais retos do futuro", engadiu o edil, que mostrou a súa preocupación pola "débeda" da Autoridade Portuaria. Tras a finalización deste documento poderase ampliar o acordo a outros peiraos que tamén quedarán desocupados co traslado da actividade portuaria a punta Langosteira.

VISIÓN METROPOLITANA

O reitor e a alcaldesa tamén asinaron outro acordo para a creación dun laboratorio de mobilidade sustentable da cidade que terá, especificou Rei, "visión metropolitana". Abalde defendeu que este grupo de expertos deseñarán "a nova mobilidade de cara a 2030, para que sexa sustentable".

Villoslada admitiu que existen "bastantes" estudos sobre a mobilidade na comarca da Coruña pero, suliñou, o laboratorio terá como obxectivos "analizar información, investigar e dar propostas". Será, engadiu, "un centro de análise permanente" que permitirá "saber como funciona o transporte urbano e metropolitano" e apostar polo tren de proximidade.

Cruceiros no Porto da Coruña
Cruceiros no Porto da Coruña

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta