Construír a alternativa

Catro anos son moi poucos para preparar o cambio político

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 10/09/2020

Comparte esta noticia

O 12 de xullo produciuse o previsible (a marea do PP), e o improbable (a total desaparición das esquerdas reunidas cos restos do nacionalismo rupturista de Amio) e tamén o predicible (que o PSdG, cun candidato pouco rodado, sen apoio orgánico e un discurso de delegado do goberno-bis, obtivese os mesmo resultados ca hai catro anos). O que foi totalmente sorpresivo foi o segundo sorpasso do BNG aos socialistas, nunha ironía da historia, co sobriño obtendo uns resultados calcados aos do Caballero tío. A única diferenza con 1997 foi que daquela os socialistas e a EU de Anxo Guerreiro formando unha Oliveira imitando a refundación comunista italiana deses anos, e que foi unha das mellores carambolas políticas da política galega: dous escanos por cero votos. En 2020 ese espazo aglutina uns nada desprezables 2020 votos que contra todo prognóstico quedan sen representación. Nin os máis nacionalistas agardaban o que en inglés se lle chama un “barrido limpo” do espazo á súa esquerda; en moitos concellos, e non digamos xa en moitos distritos censais o Bloque subiu ate varios centos por cento.  

Supón a reivindicación do patriotismo de partido e o peche dun ciclo aberto ben antes de Amio, que cristalizou no desencanto dos supostos fracasos do bipartito. Unha perda nova de tempo ás que levamos vindo en corenta anos de autogoberno, con anos e disputas negando constitucións, estatutos, institucións, auto expulsándose das mesmas, para ao final acabar recuncando, namentres que o país se desgaleguizaba a pasos axigantados. Neste caso a candidata Pontón converteuse na herdeira de Quintana e do seu discurso branco e cívico polo que supostamente moitos se marcharan da formación en 2012 ante o esencialismo da mitificada UPG para acabar mareando fóra cun dogmatismo cainita aínda peor.  

A campaña de Pontón, profesionalmente deseñada e mediaticamente centrada na candidata (con algunha axuda dos medios tradicionais, tamén sexa dito), foi capaz de repetir e ampliar o milagre de 2016, que, e niso teñen razón os Monederos e demais laiantes de Malasaña-Galapagar, volvendo mimetizar ao máximo posible o discurso do mundo 11M-Podemos. Asumiuse (acriticamente) calquera moda, lema, causa e mesmo gramática acuñada do mundo de Vistalegre (moitas veces modas e estéticas endóxenas madrileñas, á súa vez adaptando causas dos campus norteamericanos máis ca do altermondialismo latinoamericano e non digamos da esquerda europea) e púxoselle unha estreleira enriba. Súmaselle a iso a estética e prosodia da candidata, que proe un pouco a ouvidos galegofalantes (somos bastante repunantes) pero que coa que moitas persoas do ámbito urbano, sobre todo mulleres, se poden identificar máis doadamente.  

Logo unhas merecidas vacacións toca enfrontar case catro anos co esperanza de 2024 voltar a ser un novo 2005. Mais o país non é o mesmo: hai varios centos de miles de persoas menos, xa non hai caixas,  o balanzo lingüístico empeorou aceleradamente, nin sequera un cuarto mandato dun xuvenil Feijóo se pode comparar a un dun ancián Fraga. Preséntese de novo, ou un dos seus delfíns (veremos en breve quen vén, ou volve, de Conselleiro) o PPdG será, nova crise económica mediante, unha máis formidable maquinaria cá do Iribarne crepuscular de hai quince anos.  

Emporiso que o tempo non sobra cando se parte dunhas bases de oposición tan endebles. Mesmo se houbese cambio nas próximas galegas, malamente se pode afrontar cando aínda non  se fixo un post mortem serio da anterior experiencia de coalición. O risco de repetir a historia, agora coma farsa, é grande.  

O primeiro que debe quedar claro é que para que haxa alternativa ten que haber unha alternativa conxunta. PSdG, Bloque e os restos da esquerda precísanse aritmeticamente. Non se gaña unha maioría roubándose os votos mutuamente. Cos datos de 2020 nin formando unha soa candidatura chegarían a empatar ao PPdG en votos.  Por iso chegado o momento e se as turbulencias monclovitas non o impiden, PSdG e o mundo exMarea deberían volver a tentar un “Ulivo” que desta vez si sumaria votos e escanos.  Mesmo antes ca isto, é preciso que BNG e PSdG anuncien alto e claro a súa dispoñibilidade de entrar nun “compromesso storico” á galega: que ámbalas partes independentemente de quen quede segundo formarán un goberno de coalición ou darán apoio parlamentario ao outro, e anunciando con anos de anticipación cales serán os principios básicos (pero precisos) comúns desa alternativa de goberno.  

O elo feble desa operación, alén do tribalismo natural de tódolos políticos de partido, é o PSdG, un partido que funciona mellor coma correa de transmisión de Ferraz que como federador das autarquías localistas que o compoñen. Un partido federalista de nome pero que, en 2020 como en 1997, vese obrigado ao rebuscar a súa alma galeguista.   Nese senso, a evidente campaña de destronamento de Gonzalo Caballero se ben é de cumprida tradición, é un erro. Independentemente das súas peculiaridades, das que xa falamos aquí, sería tanto un bo presidente da Xunta coma un excelente Vicepresidente económico. Nese senso, a perda do deputado 15 supón un menoscabo a ese escenario.   

Pero moito maior é o traballo que ten pendente o liderado da oposición. Os de Pontón atópanse no clásico momento de pasar de ser un grupo de protesta, correa de transmisión de canto problema e causa hai, a unha formación de goberno. Para unha formación feminista non lle será difícil establecer o paralelismo de que deben traballar o dobre para a obter a metade de credibilidade dos partidos sistémicos. Sobre todo, e como vimos nos meses anteriores ás eleccións de 2005, as moitas forzas vivas se van mobilizar para reverter o sorpasso coma prezo de calquera alternativa ao goberno existente. Como mínimo supón que nestes catro anos as elites económicas teñen que ter o beneficio da dubida. E iso precisa de propostas económicas que vaian alén do slogan e os infinitivos. Sobre todo porque o recurso doado ao lobo do comunismo da UPG (non é certamente o MAPAI israelí fundador de kibbutzim) funciona moi ben para manter unido o voto conservador, sobre todo no rural. Cantos votos non se perderon co espectro comunista do plan eólico, a do banco de terras de Suárez Canal ou as propostas urbanísticas de Teresa Táboas, cando logo o PPdG, xa no poder, fixo case o mesmo pero menos.

Para remontar ese telón infranqueábel que son as sólidas maiorías conservadoras agardar ao hipotético voto galeguista resulta un recorrente espellismo tan ilusorio coma as expectativas de pancho Casal nas derradeiras eleccións. Clásico votante galeguista de palabra do PPdG o que quere é que os seus fillos se poñan gomiña, vaian a colexios concertados, gañen unha (opo)sición e casen nas familias fidalgas “de toda la vida”. Que logo choren desde o confort da capital provincial porque os campos queden ermos é tan irrelevante coma o laio aqueles antigos funcionarios galegos no parque do Retiro de “Arredor de si”.  

Igualmente que é ilusorio agardar “a que os vellos morran”. Eses votantes conservadores que hoxe teñen sesenta anos tiñan vinte hai corenta anos. Ademais son a parte da poboación máis galegofalante. Igual hai que pensar que o conservadorismo da nosa sociedade é estrutural, non para resignarse senón para deixar de tratalo coma algo que pasará co tempo.  

Hai outro camiño, proveitoso pero dificultoso. Pontón non se atoparía fóra de lugar nun mitin de Die Linke. Encarna como ven se viu nos resultados de hai un mes, a Galicia que come Quinoa. Ou que toma té de herbas. Resulta difícil vela a ela e aos seus coma representante da Galicia que come churrasco. Ou que gusta do café con herbas do país. Ese 13% dos galegos que só ve a TVG, aqueles que non poden ser outra cousa que soamente galegos aínda que desexen o contrario,  e que se concibe, nos concibimos, con razón ou sen ela, coma a razón de ser de que Galicia teña autonomía. O mercado de “Os” e “As” está máis que explotado pola tripla oferta existente. Igual había que falar máis dos roubos nas aldeas, ou que haxa que pagar a Hacienda española cartos que non se teñen por ter un alpendre. Non chega cunha foto de campaña na aldea de Chorente.  

Os “problemas da sente” son un medio, non un fin. Para loitar contra a violencia sexual, o desemprego ou a gramática heteropatriarcal vale, ou debería,  calquera. Ser nacionalista é outra cousa. Converter toda Galicia nunha Pontevedra fará un país máis agradable para todos. Pero tamén preguntarse porque logo de máis de dúas décadas de goberno, o número de galegofalantes alí segue no 15%.  

O cambio supón profesionalización. Escoitamos na toma de posesión falar de goberno da sombra. Nomear voceiros por temas e, gran acerto, por comarca, ten sentido ao ter máis brazos para repartir, pero na política moderna  o traballo non o fan os políticos, senón os fontaneiros. Que non é o mesmo ca ter un militante bolseiro para facer fotocopias. Supón asumir que coma os da tribo de Moisés, os que atravesan o deserto do Sinaí non serán os que pisen a terra prometida. Conformar equipos non se improvisa, coma pasou daquela.  

Do mesmo xeito, e a diferencia do que pasou no 2005 asumir que gobernar non é chegar. É o máis fácil. E por iso tocaría reavaliar todo o que se fixo daquela. Como nos lembra Daniel R. Cao en Luzes (O burato negro editorial da política galega) existe unha pequena bibliografía que analiza o bipartito e o que veu despois. Conviría rever as xogadas. E sobre todo, definir cales son os obxectivos de éxito reais para evitar que pasara o que pasou no 2009 cando 60.000 socialistas e 40.000 nacionalistas decidiron que era mellor Feijóo ca non ter conseguido o Nirvana.  

Pero o máis difícil é asumir que o cambio transformador supón afrontar a mentalidade rendista-funcionarial que esa “transversal conservadora” que tan ben dicía Manuel M Barreiro (A novísima dereita e nos, 2009) non distingue de partidos e que esta na raíz do noso comparativo atraso, avellentamento e emigración. Agora que se fala de reformas estruturais, subvencionadas por “Europa”, habería que pensar por que a esquerda uruguaia é un referente pero a finlandesa non. Parafraseando a Deng Xiaoping, o imporante é o resultado. O resto é militancia estética, dá igual que sexa  crocodilo verde ca estrela vermella.

Xoaquín Fernández Leiceaga fala con Ana Pontón e Gonzalo Caballero
Xoaquín Fernández Leiceaga fala con Ana Pontón e Gonzalo Caballero | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Serafín Pazos Analista político, dacabalo entre Bruxelas, onde reside, Escocia, onde traballa, e Galicia, onde ten a cabeza. Escribe a título persoal. @SerafinPazos