A loita por unha canle infantil en galego podería chegar ó Parlamento

A Mesa anuncia que presentará unha petición popular logo de recoller máis de 8.000 apoios.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2020 | Actualizada ás 15:15

Comparte esta noticia

A mocidade e rapazada galegas, cada vez máis preto de contar cunha canle de contidos infantís enteiramente en galego. Logo do fervor vivido nas redes sociais nos últimos días, a Mesa pola normalización Lingüística vén de anunciar que levará a creación dunha 'Canle Xabarín' ó Parlamento Galego a través dunha Iniciativa Popular para unha Proposición Non de Lei.

Logo do Xabarín Club
Logo do Xabarín Club | Fonte: CRTVG

O anuncio da Mesa chega logo de que a plataforma conseguira recoller máis de 8.000 sinaturas na súa páxinas web pedindo a creación dunha canle enteiramente infantil. Porén, e segundo destacan na web, as sinaturas para botar adiante este trámite terán que volver ser recollidas para adaptarse ós requerimentos do Parlamento.

Dende a plataforma recoñecen que se trata dun proceso "máis complexo" pero destacan as "maiores garantías" de chegar a ter impacto político directo. "Estas sinaturas deben estar certificadas pola oficina do censo electoral", explica o presidente da Mesa, Marcos Maceira. Para conseguir replicar o apoio vivido na web, Maceira avanza que están a tecer unha rede con establecementos comerciais "de todo o país" onde se podería levar a cabo a sinatura de xeito legalmente comprobable.

O movemento a prol da conformación dunha terceira canle pública no seo da CRTV estalou nas redes logo da publicación por parte de Galicia Confidencial do nacemento dunha iniciativa en Twitter. Para conseguir o obxectivo de levar a petición ó Parlamento, a Mesa precisa un mínimo 2.500 sinaturas comprobables. "Contamos superalo por moito", zanxa Maceira. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta