Operación de salvamento de 60 especies do Xurés, en parte arrasado na vaga de lumes de Ourense

Delas, 17 especies ou subespecies xa están contempladas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas; seis atópanse en perigo e 11 teñen a consideración de vulnerables.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 02/10/2020 | Actualizada ás 08:35

Comparte esta noticia

O banco de xermoplasma proxectado pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia para o ámbito do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés debería contemplar, cando menos, a conservación de máis de 60 especies. Así o recolle o informe de viabilidade técnica encargardo ao grupo de investigación en Sistemas Silvopastorais da USC.

Bombeiro da Brif Laza salvou un coello na extinción do incendio forestal no Xurés
Bombeiro da Brif Laza salvou un coello na extinción do incendio forestal no Xurés | Fonte: ATBRIF.

Este estudo recomenda incluír no futuro banco de xermoplasma 41 taxóns (grupos dunha clasificación científica), entre especies e subespecies, con interese para a conservación; 14 árbores que non son abundantes, a fin de que se conserve o acervo xenético das especies da zona para poder facer plantacións con material propio da mesma área  e evitar a posible contaminación xenética, e 6 árbores ou formacións incluídas no catálogo galego de árbores senlleiras (3 castiñeiros ou formacións de castiñeiros e 3 carballos ou formacións de carballos).

Precisamente, estas recomendacións chegan cando o parque do Xurés foi duramente castigado polos lumes da vaga de incendios que afectou a Ourense durante o pasado mes e que, segundo estimacións dos ecoloxistas afectaron, a máis de 5.000 hectáreas desta zona protexida.

O coordinador deste grupo de investigación, Antonio Rigueiro, e o xefe do Laboratorio de Multiplicación Vexetativa e Conservación de Recursos Xenéticos, Juan Luis Fernández, recomendan conservar 17 especies ou subespecies xa contempladas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Destas, seis atópanse en perigo e 11 teñen a consideración de vulnerables, segundo sinala Antonio Rigueiro. Estas serían a Iris boissieri, considerada en perigo crítico pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN), Armeria humilis (subespecie humilis), Armeria humilis (subespecie odorata), Klasea legionensis, Eryngium duriaei (subespecie juresianum), e Eryngium viviparum.

OUTROS ÁMBITOS DE ACTUACIÓN

O documento científico-técnico elaborado pola USC, cuxo ámbito de actuación abranguería, ademais do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, a Zona Especial de Protección das Aves (ZEPA) Baixa Limia-Serra do Xurés, a Zona Especal de Conservación (ZEC) Baixa Limia, A ZEC Veiga de Ponteliñares e a Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés. Tamén recomendan incluír no futuro banco de xermoplasma especies arbóreas autóctonas tales como a sobreira (Quercus suber), a aciñeira (Quercus ilex), o mostallo (Sorbus aria), o chopo temblón (Populus tremula) o loureiro (Laurus nobilis) e o teixo (Taxus baccata).

Muiños, na MUÍÑOSZona Especial de Protección de Aves (ZEPA) en Muiños, na Baixa Limia - Serra do Xurés
Muiños, na MUÍÑOSZona Especial de Protección de Aves (ZEPA) en Muiños, na Baixa Limia - Serra do Xurés | Fonte: Xunta.

Respecto dos exemplares ou formacións arbóreas xa cualificadas de senlleiras, a citada análise de viabilidade técnica apunta a necesaria conservación do Castiñeiro de Peninvello (Xinzo de Limia), a Carballa da Rocha (Rairiz de Veiga), o Carballo grande de Reboreda (A Porqueira), o Castiñeiro de Pexeiros (Os Blancos), os Castiñeiros dos Blancos (Os Blancos) e os Carballos da Praza do Campo de Bande (Bande).

O catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC, Antonio Rigueiro, destaca que hai que realizar unha importante labor de supervisión, vixilancia e mantemento, a fin de garantir que todas as sementes se manteñan activas para a súa posterior xerminación. "Esta sorte de ‘hortos’ ou plantacións permitiría, ademais de dispoñer de material vexetal vivo e apto para labores de reforestación ou plantación, ao tempo que facilitaría e axilizaría os traballos de reposición, xa que “non sempre é doado nin posible rescatar este material”,destacou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta