Os parques eólicos non afectan a vida dos mamíferos, segundo un estudo pagado por Endesa

A compañía enerxértica, que participa en 18 proxéctos eólicos en Galicia, contradice así as denuncias dalgúns grupos ecoloxistas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/10/2020 | Actualizada ás 11:59

Comparte esta noticia

Un estudo elaborado pola compañía enerxética Endesa sostén que os parques eólicos "non alteran" a vida dos mamíferos salvaxes que habitan os montes galegos. Así, o traballo, elaborado con técnicas de fototrampeo nos parques máis representativos da filial eólica de Endesa (Enel Green Power España) en Galicia, afirma que "a existencia, cantidade e hábitos" dos mamíferos destas áreas "non difiren" dos animais que habitan "na súa contorna".

A empresa insiste que se trata "do primeiro estudo deste ámbito desenvolvido en España, pois pon no foco a fauna das contornas eólicas na súa totalidade, non só nas aves e os quirópteros.

O traballo, elaborado por biólogos entre febreiro de 2019 e xaneiro de 2020, tivo unha primeira fase de catro meses nos 18 parques eólicos que xestiona Endesa en Galicia. Despois, foron seleccionadas as áreas "máis representativas" para desenvolver o estudo, que se centrou nos parques de Barbanza, Capelada, Coto Teixido, Faladoira, Leboreiro e Touriñán.

Así, segundo sinala Endesa nun comunicado, o traballo de campo consistiu na obtención de testemuños gráficos da presenza de mamíferos por distintos lugares dos parques que os biólogos identificaran como zonas adecuadas para a alimentación, a reprodución ou o refuxio da fauna.

Alí foron instaladas 40 cámaras de tres modelos distintos que se disparaban por medio de sensores de movemento. Os aparellos eran revisados e os seus datos descargados cunha periodicidade dun mes.

CONCLUSIÓNS

Entre as conclusións, o equipo encargado do estudo sinala que "a comunidade de mamíferos presente nos parques estudados non difire da existente na contorna" e "a diversidade da fauna nos parques depende en primeiro lugar da diversidade e grao de conservación dos hábitats" en cada área.

Segundo os investigadores, os mamíferos "non están condicionados" pola proximidade das infraestruturas eólicos nin polo seu funcionamento, pois detectaron "exemplares de lobo, raposo, corzo ou lebre nos tramos máis curtos de distancia e cos aeroxeradores ao máximo rendemento".

Un animal salvaxe captado polas cámaras dun estudo elaborado por Endesa sobre mamíferos en parques eólicos. CAPTURA (VÍDEO ESTUDO ENDESA)
Un animal salvaxe captado polas cámaras dun estudo elaborado por Endesa sobre mamíferos en parques eólicos. CAPTURA (VÍDEO ESTUDO ENDESA) | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta