Alerta en sete concellos galegos por "alto risco" de gripe aviaria

A Xunta fixa varias restricións e informa tamén a case unha trintena de concellos de que pasan a risco moderado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/11/2020 | Actualizada ás 20:46

Comparte esta noticia

A Xunta avisou a sete municipios da provincia de Pontevedra de alto risco por gripe aviaria, tras a detección de focos recentes en aves silvestres e domésticas en Europa --en Países Baixos, Alemaña, Reino Unido, Irlanda, Dinamarca e Bélxica-- nunha época de "intensa" actividade migratoria.

En concreto, o Ministerio de Agricultura elevou a "alto" o nivel de perigo de aparición desta enfermidade nas zonas de especial risco (ZER). Segundo explica a Consellería de Medio Rural a Europa Press, nesta situación en Galicia atópanse os municipios de: O Grove, Sanxenxo, Meaño, Ribadumia, Cambados, Vilanova de Arousa e A Illa de Arousa.

De tal forma, fíxanse determinadas prohibicións nestes concellos como que non se pode realizar a cría de aves ao aire libre. Todos os propietarios deben recluír ás súas aves en instalacións pechadas. Se non existe esa posibilidade, os produtores deben contar con separación que impida o acceso de paxaros silvestres e o seu contacto con auga ou alimento destinado aos domésticos.

Ademais, prohíbese a cría de parrulos e gansos con outras especies de aves de curral. Tamén queda prohibido dar auga a aves de curral procedente de depósitos superficiais, fontes ou outra orixe que poida ter contacto con especímenes silvestres.

Así mesmo, o alimento no exterior ten que estar protexido. Tampouco se poden xuntar aves de curral con outras distintas, como poidan ser as ornamentais. Non está permitdio o uso de reclamos de caza con aves de tipo anátidas --patos e similares-- e charadriiformes --gaivotas e similares--.

Exemplares da raza Galiña de Mos
Exemplares da raza Galiña de Mos | Fonte: Magrama.

AUMENTO DE RISCO EN CASE 30 MUNICIPIOS MÁIS

Pola súa banda, case unha trintena de municipios galegos que se atopa en zonas de especial vixilancia (ZEV) ven como se eleva o seu risco ata moderado.

Estes concellos son: Dumbría, Mazaricos, Ortigueira, Porto do Son, Ribeira, Vimianzo e Zas, na provincia da Coruña; Ribadeo e Trabada, na provincia de Lugo; Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos e Xinzo de Limia, na provincia de Ourense; así como A Guarda, Marín, Meis, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela, O Rosal, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa, na provincia de Pontevedra.

No caso dos ZEV, está prohibida a presenza de aves de curral en centros de concentración de animais como feiras e mercados gandeiros, mentres que os titulares de explotacións avícolas non comerciais deben anotarse nun rexistro administrativo. Con todo, é recomendable seguir as mesmas medidas de seguridade que nos ZER.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta