Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/11/2020 | Actualizada ás 12:30
O conselleiro de Medio Rural, José González, fixo un chamamento este venres a todos os axentes locais implicados a participar na elaboración do Plan estratéxico do sector agrario para a comarca da Limia. "Pedimos a colaboración de todos os axentes implicados", manifestou González no primeiro encontro virtual de traballo sobre esta estratexia, no que destacou a participación da administración local, as organizacións de produtores, empresas e ecoloxistas, entre outros.
O conselleiro incidiu na necesidade de "falar" para dar unha solución adecuada á comarca "respectando todos os mecanismos e a todos os axentes" que forman parte dela porque "non se pode entender A Limia sen agricultura pero tampouco sen gandaría". Deste xeito, trátase, segundo explicou González, de lograr un mellor e máis efectivo aproveitamento dos recursos, de reducir a concentración de nutrientes nas augas, de xerar emprego e fixar poboación no rural e de combater o cambio climático.
Unhas declaracións que coinciden coas críticas que Greenpeace acaba de facer polas denuncias de Coren a un ecoloxista por criticar, precisamente, o vertido de xurro nos campos da Limia. Na reunión, o conselleiro lembrou a "forte especialización produtiva desta comarca ourensá, centrada no sector primario" que, segundo destacou, "logra achegar case o 30% do PIB comarcal". A partir deste feito, engadiu, é necesaria unha "visión de conxunto" para conseguir os citados obxectivos.
Por iso, indicou que o traballo se enfoca desde unha perspectiva moi integradora e participativa, co fin de contribuír a un desenvolvemento sustentable, rendible economicamente e compatible coa protección do medio ambiente.
PATACA E CEREAL
Nesta liña, José González destacou tamén o potencial da Limia en ámbitos como a produción de pataca e cereal. Así, vinculou ambos coa calidade, que se pon en valor a través de indicacións xeográficas protexidas como a da pataca e do pan galego, esta última de recente creación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.