Feijóo nega "perseguir" ao xefe de Xinecoloxía de Verín, apoiado por todos os alcaldes do PP da zona

O secretario xeral do PSdeG pide ao presidente que "recúe" e pare o expediente aberto.

Por Europa Press / Redacción | Verín | 26/11/2020 | Actualizada ás 17:18

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, rexeitou que o seu Goberno emprendese "unha persecución" política contra Javier Castrillo, o xefe de Xinecoloxía do hospital comarcal de Verín (Ourense) e un dos defensores da continuidade do paritorio un ano atrás. Todos os alcaldes e portavoces do PP da zona manifestaron o seu apoio a Castrillo.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visita o hospital de Verín
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visita o hospital de Verín | Fonte: PSdeG.

O escrito difundido polos populares sinala que os alcaldes e portavoces do PP das comarcas de Monterrei e Conso Frieiras manifestan o seu "apoio" a Castrillo, "recoñecendo a súa profesionalidade e solicitando que se arquive o expediente disciplinario aberto no seu día".

Preguntado sobre esta cuestión tras o Consello da Xunta, Feijóo replicou que a Xunta non impulsou a apertura dun expediente disciplinario, senón que actuou pola denuncia da pediatra coa que o xinecólogo, no seu día, tivo un enfrontamento polo traslado dun bebé recentemente nacido a Ourense.

"Aquí hai un erro. Non é ningún expediente disciplinario. É unha denuncia dunha pediatra sobre un xinecólogo por entender que foi tratada de forma absolutamente inaceptable ante unha familia", remarcou Feijóo, quen advertiu que Sanidade cometería unha irregularidade se non "tramitase" a denuncia.

"Quen persegue a este facultativo? Non o perseguimos. Hai unha denuncia dunha pediatra, iníciase un expediente, tómase declaración á denunciante, ao denunciado, a outras persoas e faise unha proposta. É compatible con apoiar o xinecólogo, a súa tese ou a súa actividade asistencial", esgrimiu o presidente.

Dito isto, defendeu que se trata dun procedemento "garantista por ambas as partes". "Non é necesario manipulalo todo. Non prexulgamos nada, só tramitamos a denuncia dunha pediatra contra o xinecólogo", dixo Feijóo, antes de concluír que esta cuestión non inflúe no sevicio do paritorio, que "funciona".

GONZALO CABALLERO

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, esixiu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "recúe" e pare o expediente aberto contra o xefe de xinecoloxía do hospital de Verín.

O xefe de filas do PSdeG visitou este xoves a localidade ourensá, onde participou na recollida de firmas para frear o que cualificou de "intento de purga e represalia" contra quen foi "referencia" na defensa do paritorio neste centro.

"Galicia necesita máis médicos e médicas, máis xinecólogos e xinecólogas, máis enfermeiros e enfermeiras, e menos purgas e represalias", manifestou para subliñar que "non se pode consentir un expediente contra un profesional sanitario fundamental" para a continuidade do servizo.

Así mesmo, sinalou ao presidente da Xunta como "o responsable político que lle deu instrucións a Rubial" --xerente da área sanitaria de Ourense-- para que abrise un expediente contra o profesional que é referencia na defensa do paritorio. "Non llo podemos consentir, e entre todos e todas defendemos unha Galicia na que defender a sanidade pública se un valor e non un motivo para o castigo", remarcou.

O responsable socialista, que lembrou que Feijóo "tivo que recuar hai un ano cando tentaron pechar o paritorio", referiuse á "incipiente mobilización" en Verín para "recoñecer a honorabilidade e a profesionalidade de Castrillo e impedir o expediente".

Pola súa banda, na visita, o secretario do PSdeG de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, destacou o "clamor popular", "con independencia dos partidos políticos", en favor do xefe de ginecología do hospital de Verín.

"Parece mentira que teñamos que recorrer de novo á loita para defender a un profesional que o único que fixo foi que a natalidade, ese ben escaso no rural, estea protexida", manifestou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta