A “precariedade” dos bombeiros forestais congrega a 70 personalidades galegas contra a Xunta

Luis Tosar, Manuel Rivas ou o grupo Milladoiro, entre os asinantes dun manifesto para pedir “estabilidade laboral” á Xunta.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/12/2020 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Continúa a loita dos bombeiros forestais galegos contra a política de contratación da Consellería de Medio Rural. Tal e como informou Galicia Confidencial a partir dun comunicado de Apropiga, a Xunta está a deixar, un ano máis, a uns dous mil profesionais da loita contra o lume na rúa despois de que estes “xogaran” a vida no verán para conservar os montes galegos.

Manifestación de axentes forestais en Vigo que contou co apoio de bombeiros e brigadistas de todo o país
Manifestación de axentes forestais en Vigo que contou co apoio de bombeiros e brigadistas de todo o país | Fonte: Miguel Núñez

A reacción negativa ao movemento de Medio Rural veu marcada, pois, por unha primeira vaga de críticas nas que o sector denunciaba a “precariedade” e “improvisación” dun corpo que, din, debería contar os 12 meses do ano cos profesionais forestais que nestas últimas semanas quedaron sen traballo. Agora, ás demandas dos profesionais veñen de sumarse máis de setenta personalidades do mundo da ciencia e a cultura galega, así como plataformas ecoloxistas e en favor dunha produción máis sustentable.

Esta congregación de sinaturas vén marcada pola publicación dun manifesto en apoio aos “bombeiros de 6 meses”. Baixo o título “Máis prevención cara unha menor extinción” atopamos actores de relevo como Luis Tosar, a cineasta Margarida Ledo, grupos de música tradicional como Milladoiro, a cantante Sés ou a gaiteira Susana Seivane. No eido cultural, as sinaturas alcanzan tamén as de Manuel Rivas e Suso de Toro, acompañados por analistas políticos como Antón Losada ou Carlos Taibo, ilustradores gráficos como Miguel Anxo Prado, Xaquín Marín e Luis Davila ou históricos do fútbol coma Otero do Celta e Nacho do Compostela. Por último e da man dunha longa listaxe de académicos e artistas, atopamos entidades medioambientais como ADEGA, a CEMMA  o Sindicato Labrego Galego e a FRUGA

PREVENCIÓN “INEFICAZ”

O manifesto asinado ten como obxectivo “abordar a fondo a problemática que sacude ano tras ano os nosos montes”. O texto, elaborado por Bombeiros Forestais da Brigada Viladesuso do Baixo Miño, chama a solucionar o conflito dos lumes estivais “cun cambio radical do paradigma” de extinción. Destacan así que corresponde á Xunta buscar “políticas preventivas” que freen “esta lacra medioambiental, social e económica”.

Este cambio “radical” viría dado, destacan, pola “ampliación contractual” do colectivo de traballadores e traballadoras de 6 meses. Destacan que, nas circunstancias actuais, a prevención é “escasa e ineficaz” porque tan só se estende ao longo de dous meses. “A Consellería non se pode permitir a inestabilidade laboral”, explican. O manifesto fai tamén fincapé na necesidade de “cambiar a faciana dos nosos montes” apostando por “especies temporais máis nosas”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta