Un parque eólico millonario podería quedar sen construír porque a Xunta esqueceu falar do lobo nun informe

Petón do Lobo asegura que esta particularidade implica a "nulidade radical" de todo o proceso.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/12/2020 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O parque éolico de Bustelo, previsto para a zona homónima do lugar de Valenza, en Coristanco, podería quedar anulado por un posible erro administrativo da man da Consellería de Medio Ambiente. Así o afirma a asociación Petón do Lobo, que pide a impugnación do trámite por "omisión e falla de avaliación" dos efectos do parque nesta especie, asentada na zona. 

Lobo gris
Lobo gris | Fonte: ARQUIVO

Segundo destacan dende a plataforma, se o lobo non é mencionado na declaración de impacto ambiental --circunstancia que así defenden-- o conxunto do trámite sería "nulo" de xeito "radical".  "A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda tanto se centrou na protección da flor Centaurea ultreiae, unha margarida única na zona e protexida pola normativa, que esqueceu outra especie presente na zona e protexida polo Convenio de Berna", ironizan dende a plataforma en respecto ao lobo. 

A declaración de impacto ambiental realizada pola Consellería do ramo resulta crucial para a autorización do proxecto, unha declaración na que de acordo con Petón do Lobo non hai mención algunha ao animal que dá nome á plataforma.  "Esta omisión acarrexa implícita unha posible prevaricación por omisión en relación ao empregado público responsable de informar o proxecto industrial", apuntan en relación a unha tarefa que neste caso correspondería á Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

 

CONSECUENCIAS FATAIS PARA A ESPECIE

 

Por outro lado, e á marxe da cuestión legal que rodea ao proceso, dende Petón do Lobo alertan dos efectos fatais que esta clase de intervencións na paisaxe e o medio teñen sobre os lobos. Segundo destacan, trátase de animais territoriais, de xeito que se abre a porta a mortes entre membros da mesma especie por colisión de territorios ante a imposibilidade de habitar onde chegarían a estar os eólicos. 

 

Ante estas circunstancias, a plataforma insiste na necesidade de facer valer a "nulidade radical e de pleno dereito" da declaración de impacto ambiental. Deste xeito, insta á cidadanía afectada destes concellos a impugnar o proceso de luz verde da Xunta. Se Medio Rural non atende as demandas de Petón do Lobo, o macroparque eólico de Bustelo estaría rematado entre finais de 2021 e comezos de 2022.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta