Critican as prácticas de Coren na Limia: "utiliza o acoso xudicial contra os que denuncian contaminación"

Co lema "A Limia non atura máis xurros" asociacións ecoloxistas deron voz ao problema da contaminación nesta comarca. Defenden que Coren debe reducir a carga gandeira e que a Xunta debe declarar zonas vulnerables por nitritos.

Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/12/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A contaminación na Limia non é algo novo, a orixe está na nula xestión dos xurros dunha das grandes empresas cárnicas situada en Xinzo de Limia, que fai verteduras de forma impune dende hai moitos anos sen que as distintas administracións competentes, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e as Consellerías de Medio Ambiente, Rural ou Sanidade, freen esta situación.

Camión de Coren descargando purin de granxas de polos nunha leira do Val da Limia
Camión de Coren descargando purin de granxas de polos nunha leira do Val da Limia | Fonte: MEL

A orixe da contaminación das augas públicas está na gandaría industrial, xa que hai 400 macrogranxas instauradas na comarca da Limia que están a pór en grave risco a conservación do medio ambiente e a saúde das persoas. A deforestación, a degradación do chan que non é capaz de absorber máis xurros e a contaminación da atmosfera son algunhas das consecuencias que provoca esta contaminación, que, ademais, non permite aos habitantes consumir dos seus pozos de auga, contaminados por nitratos, e impúlsaos a marchar, provocando o despoboamento da Limia

O pasado 15 de decembro, Ecoloxistas En Acción Galiza organizaron unha palestra para tratar de expór o problema de contaminación que vive diariamente a poboación da Limia. Co lema “A Limia non atura máis xurros”, a conversa contou coa participación de Manoel Santos de Greenpeace, Serafín González da Sociedade Galega de Historia Natural, Montse Valencia de Ecoloxistas en Acción e Alba Pazos da plataforma local Auga limpa Xa

ACCIÓNS DOS COLECTIVOS PARA MUDAR ESTA SITUACIÓN

Colectivos como Ecoloxistas En Acción Galiza, Greenpeace e a Sociedade Galega de Historia Natural, así como outros que formaban parte de Stop Gandaría Industrial, que loitan por un cambio de modelo da gandaría tradicional, comezaron a poñer na mesa do debate público e institucional este problema, cada vez máis groso, sen atopar unha resposta institucional que solucionase o problema da Limia.

eurodiputada Lidia senra, o deputado David Rodriguez, o científico e presidente da Asociación Galega de Historia Natural, Serafín González, con membtros do MEL diante dun camión de Coren que descarga xurro nunha finca da Limia
eurodiputada Lidia senra, o deputado David Rodriguez, o científico e presidente da Asociación Galega de Historia Natural, Serafín González, con membtros do MEL diante dun camión de Coren que descarga xurro nunha finca da Limia | Fonte: L.S

A pasividade e inoperancia das distintas administracións promoveron a creación, de xeito urxente, da plataforma Auga Limpa XA, da que forman parte colectivos locais como o Movemento Ecoloxista da Limia. A este colectivo pertence Manuel García, labrego ecolóxico que confrontou as prácticas impunes da empresa e que foi denunciado pola mesma solicitándolle a Manuel un millón de euros en concepto indemnizatorio. 

“COREN NON SEI FAI RESPONSABLE DOS SEUS RESIDUOS”

Manoel Santos, de Greenpeace, defende que Manuel García “leva toda a vida loitando por unha Limia limpa e Coren en vez de intentar solucionar o problema, utiliza técnicas como o slap, que consiste en levar a cabo o acoso xudicial mediante ameazas de demanda aos que lles confrontan”. 

Manoel Santos defende, ademais, que “se Coren quere arranxar as cousas, debería manifestar que acepta unha moratoria para instalar granxas e amplialas na cabeceira da Limia, ten que dicir que fai cos xurros e co esterco, facer unha contabilidade das súas emisión contaminantes e facer un plan de redución das súas emisións, xa que a Limia está saturada de gandaría industrial”.

Serafín González da Sociedade Galega de Historia Natural, comenta que no 1998, cando Coren construíu o complexo gandeiro de Pedra Alta -proxecto que nunca se someteu a unha avaliación ambiental estratéxica- a Sociedade Galega de Historia Natural advertiu que era unha zona problemática e asolagable

Por outra banda, destaca que no 2006 fíxose un estudo Hidrolóxico Ambiental da Limia no que se demostrou que os niveis de nitritos no río Limia sobrepasaban os límites máximos de contaminación e o 4 de decembro de 2008, comezaron a presentar alegacións a todos proxectos de granxas na cabeceira do río Limia.

“Os datos da Confederación Hidrográfica amosaban uns niveis preocupantes das augas superficiais e pediamos unha moratoria na instalación de novas granxas ou ampliación das existentes”. “Se nos fixeran caso fai 12 anos, no habería tal cantidade de nitrato na actualidade. Hay que seguir insistindo en que hai que establecer unha moratoria inmediata e programar una redución da carga gandeira para levala a uns niveles sostibles”.

CONFRONTACIÓN NA SOCIEDADE DA LIMIA

A Plataforma cidadá Auga limpa Xa creouse en xaneiro de 2019 para expoñer o problema da contaminación da auga en debate público e crear unha concienciación profunda social común, explicou Alba Pazos, “e incidir en que a xestión de residuos sexa asumida pola empresa e non polos gandeiros, para que estes non sexan prexudicados”. 

“Existe un conflito social na Limia: é delicado, xa que os gandeiros defenden a gandaría e teñen medo de que os colectivos en defensa da auga limpa vaiamos detrás deles, pero non é así". Desde Auga limpa Xa esixen prezos xustos para os gandeiros e gandeiras, xa que “non é unha loita contra eles senón contra as empresas que se aproveitan deles”.

"AS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS SON CULPABLES"

Como sentenciou Serafín González, a Xunta recoñeceu que na Limia hai contaminación de nitratos e fosfatos das augas. E isto é debido á "sobreexplotación gandeira e porque non hai un sistema eficaz de xestión de produtos agrogandeiros", explica González. 

Manoel Santos defende que "Coren é o axente contaminante, pero a culpa tamén é das administracións públicas que non cumpren as normas". A Xunta de Galicia aínda non declarou ningunha zona vulnerable de nitratos na comunidade, cando no resto de España, todas as demais teñen zonas deste tipo declaradas. 

"Hai unha forma de producir carne que non prexudica á saúde e ao medioambiente", defende Manoel Santos, e Alba Pazos vai máis aló: "A gandería industrial é o capitalismo salvaxe no sector primario. Non son granxas, é unha industria na que Coren ten o control e o gandeiro perde ganancias".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta