Así foi a volta ao mar de Rube, o primeiro lobo mariño recuperado en Galicia esta tempada

Era un cachorro procedente posiblemente de Irlanda que acabou na ría de Cedeira en novembro pasado. Tras dous meses de recuperación foi liberado por un arrastreiro no Gran Solé. Actualmente, hai outro lobo mariño en recuperación nas instalacións da CEMMA.

Por Galicia Confidencial | Nigrán | 20/01/2021 | Actualizada ás 18:17

Comparte esta noticia

O pasado 15 de novembro foi rexistrado o primeiro lobo mariño da tempada 2020-2021 na costa de Valdoviño, na Ría de Cedeira. Foi fotografado na praia de Vilarrube. Tratábase dun cachorro macho de poucas semanas de lobo mariño cincento, Halichoerus grypus. Estes cachorros proceden das colonias do Norte de Europa, posiblemente de Irlanda, son moi inexpertos e o cansazo que traen fai que baixen ás praias a descansar ou pasar a noite.  

Lobo mariño Rube, coidado pola CEMMA
Lobo mariño Rube, coidado pola CEMMA | Fonte: remitida

Os integrantes da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) deciciron bautizalo como Rube. Era o primeiro cachorro rexistrado nesta tempada en toda a costa Atlántica Ibérica, aínda que, posteriormente foron localizados outros lobos mariños en Galicia, Portugal e en toda a costa cantábrica.

O martes día 17 este mesmo exemplar quedou atrapado nun palangrillo do barco MEIXÓN de Cedeira, o patrón recolleu ao exemplar que logo foi trasladado á UCI instalada no centro de coordinación da Rede de varamentos en Nigrán da CEMMA.  Unha vez ingresado comprobouse que se trataba dun macho de menos de dous meses de idade e que pesaba 11 kg, sendo un dos lobos mariños máis pequenos tratados en Galicia. Rube presentaba varias feridas no corpo, algunha de gravidade, como a que tiña nun costado causada por un carnívoro terrestre. "Ademais estaba moi desnutrido, deshidratado e cunha leve afección respiratoria", apuntan desde esta ONG.

REHABILITACIÓN

Na primeira fase de rehabilitación na UCI de lobos mariños de Nigrán, os exemplares recuperan as súas constantes vitais, estabilizando o seu estado, e reciben o tratamento clínico que o equipo veterinario da Rede de Varamentos establece especificamente a cada caso. Cando os exemplares acadan entre 18-20 kg, e están solucionados os problemas que os levaron ao varamento, o animal é trasladado da UCI á piscina exterior para iniciar a segunda fase.

A segunda fase de rehabilitación lévase a cabo nas instalacións do IGAFA na Illa de Arousa. Alí, os lobos mariños instálanse nunha piscina de auga corrente salgada á intemperie, con apenas unha illa para poder descansar en seco. O obxectivo nesta fase é acadar musculación, axilidade, capacidade de mergullo e de caza, aclimatación á temperatura ambiental e mariña, así como gañar peso. 

O traslado do lobo mariño RUBE ao IGAFA tivo lugar o día 29 de decembro, dende aquel momento permaneceu nas súas instalacións ata que acadou os 25 kg de peso. Nese momento, o equipo veterinario da Rede de Varamentos considerou que debía ser liberado. Foi así como o pasado 21 de xaneiro, Rube foi embarcado no arrastreiro "PATRICIA MARTA", con base en Vigo, para trasladalo as augas norteñas do Grand Solé, onde, 36 horas despois do embarque, procedeuse á a súa liberación nas augas internacionais.

AXUDA A OUTRO EXEMPLAR

A Cemma tamén tivo que auxiliar a un segundo exemplar de lobo mariño que foi atopado o sábado 28 de novembro na praia de Barizo, en Malpica, que foi trasladado a UCI das instalacións da organización en Nigŕa. Unha vez ingresado comprobouse que se trataba dun macho de menos de dous meses de idade, que pesaba 18 kg, presentaba limitación de mobilidade do terzo posterior do corpo a causa dunha infección grave, estaba moi deshidratado e cunha pequena obstrución dixestiva. Neste momento, xa superada a situación crítica, e con 21 kg de peso substitúe a RUBE na piscina externa do IGAFA, iniciando a segunda fase da recuperación.

OUTROS LOBOS MARIÑOS

Ademais destes exemplares foron observados outros lobos mariños na costa de Cervo, Arteixo, Fisterra, Burela e Malpica, ben na praia ou ben no mar, pero non precisaron de asistencia.

A Rede de Varamentos de Galicia, baixo responsabilidade da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia a través do convenio subscrito coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños-CEMMA, que leva a cabo os traballos de asistencia e recuperación de fauna mariña ameazada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta