O útlimo temporal deixa 150 incidencias, entre elas, desbordamento de varios ríos

O vento supera o 135 km/h en Muras e o 134 km/h en Carballeda de Valdeorras.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2021 | Actualizada ás 10:54

Comparte esta noticia

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia rexistrou desde o martes, 2 de febreiro, ata as primeiras horas deste mércores, 157 incidencias relacionadas coa meteoroloxía adversa, con choivas intensas e vento forte, que afectou á Comunidade galega nas últimas horas.

Segundo informou o 112, por provincias, a de Pontevedra foi a máis afectada con 84 incidencias inscritas; séguelle A Coruña con 49; Lugo con 14; e Ourense con 10 incidencias contabilizadas. As tipoloxías máis repetidas foron a caída de árbores, ramas e bolsas de auga nas estradas (59) e inundacións nas vías de circulación (29), destacaron as mesmas fontes.

Ademais, o CIAE 112 Galicia resaltou que tivo constancia do corte total ou parcial de estradas polo desbordamento dalgún río na Comunidade galega.  Neste sentido, no Rosal (Pontevedra), unha persoa particular alertou ao 112 Galicia do desbordamento do río á altura do lugar do Urgal, nese concello pontevedrés.

Os feitos producíronse sobre as 22,30 horas deste martes e foi necesaria a intervención da de axentes da Garda Civil de Tráfico e de efectivos de Protección Civil para restablecer as condicións de seguridade na vía.

TOMIÑO

Tamén se acumulou moita auga na estrada do lugar de Campo da Estaca, no concello pontevedrés de Tomiño, polo desbordamento do río Pego. Foron os axentes da Policía Local que se puxeron en contacto co 112 Galicia para alertar da situación e informar que procederían co peche da estrada ás 21,45 horas.

Tras iso, os xestores do CIAE-112 pasaron o aviso aos Bombeiros de Baixo Miño, aos membros do GES da Guarda Ponteareas e Protección Civil deste municipio pontevedrés.

INCOMUNICADOS

Ademais, ás 21,30 horas deste martes, o 112 Galicia foi informado da interrupción na circulación da estrada que une Nogueira con Ponte das Partidas, no concello de Ponteareas.

Segundo a información facilitada polos membros de Protección Civil de Ponteareas, o aumento do caudal do río Tea, provocou a inundación nalgúns puntos do municipio e, por iso, foi necesario cortar a estrada municipal de Ribatea que enlaza coa N-120. Por mor diso, varios inmobles quedaron incomunicados.

Aínda que é certo que esa situación non provocou danos persoais, unha das casas estaba habitada e os seus ocupantes foron orientados a permanecer no interior ata que se retomasen as condicións de seguridade. Segundo puntualizaron os membros de Protección Civil, trátase dunha circunstancia habitual.

REXISTROS

Segundo os rexistros de Meteogalicia na xornada do martes o vento alcanzou refachos de intensidade máxima de 134 quilómetros por hora en Carballeda de Valdeorras e de 132,7 en Cedeira. Nas primeiras horas deste mércores superáronse o 135 km/h en Muras (Lugo) e os 113 en Cedeira.

Pola súa banda, as choivas deixaron máis de 125 litros por metro cadrado en Lousame e 106 en Fornelos de Montes.

Unha persoa camiña polo paseo marítimo da Coruña, Galicia (España), a 30 de xaneiro de 2021.. M. Dylan - Europa Press
Unha persoa camiña polo paseo marítimo da Coruña, Galicia (España), a 30 de xaneiro de 2021.. M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta