Denuncian un vertido á ría de Pontevedra “nas inmediacións” de ENCE que a empresa nega

A APDR descarta responsabilizar á industria de celulosa pero sinala que non sería a primeira vez que a empresa provoca.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/02/2021 | Actualizada ás 19:38

Comparte esta noticia

Pende a polémica sobre a Ría de Pontevedra logo de que a Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) denunciara un novo caso de vertidos que podería estar vencellado coa fábrica de celulosa ENCE. De acordo co sinalado pola plataforma en redes sociais, o “rechamante vertido” que denuncian tería a súa orixe na área dun novo paseo peonil situado “nas inmediacións” da fábrica.

Fábrica de ENCE. EUROPA PRESS - Arquivo
Fábrica de ENCE. EUROPA PRESS - Arquivo

Dende a plataforma destacan que a evidencia dispoñible non abonda para buscar responsabilidades á problemática advertida. “Evidentemente, na Asociación Pola Defensa da Ría e en tanto non teñamos información veraz sobre o particular, non imos achacar a ninguén a responsabilidade do vertido”, explican. Con todo, a APDR sinala que, aínda con esta “prudencia”, non sería o primeiro caso documentado de vertidos da man de ENCE. “Preguntámonos se máis unha vez se trata dun vertido da empresa ENCE, ben como consecuencia dun mal funcionamento no proceso produtivo ou ben pola realización de obras no recinto fabril”, destacan.

En calquera caso, a posición da APDR pasa por denunciar o vertido e pedir que, “sexan cales sexan as circunstancias”, esixir ao concello pontevedrés e á Xunta de Galicia que desenvolvan a investigación necesaria para esclarecer a man detrás deste suceso, que a plataforma ve “absolutamente incomprensíblel”; máis nunha zona que “ten no marisqueo a súa razón de ser”.

ENCE

Con todo, a empresa rexeitou esas "acusacións" argumentando que "a infraestrutura pola que se evacúa esta vertedura está moi afastada -preto de dous quilómetros- do emisario" da fábrica.

"En tanto non teñamos información veraz non imos achacar a ninguén a responsabilidade", afirmou o presidente da APDR, Antón Masa, quen esixiu ao Concello e á Xunta que abran unha investigación para identificar a autoría desta vertedura detectada o pasado domingo e aplicar "as correspondentes sancións".


Neste sentido, o presidente da Asociación Vaipolorío, Gonzalo Sancho, coincidiu en que, por mor das continuas precipitacións, os bancos marisqueiros do fondo da ría de Pontevedra están a recibir "a diario" abundante contaminación desde os últimos meses procedente de verteduras como os que afectan o río Gafos, denunciados por ambas as organizacións ecoloxistas.


AUGAS DE GALICIA

Augas de Galicia está pendente do resultado das analíticas tomadas por persoal do Plan de Control de Verteduras tras a inspección que os axentes da gardaría fluvial realizaron na zona. Desde a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade sinalaron que o 112 notificou unha alerta recibida neste servizo da Xunta, situando a orixe da vertedura nunha canle da parroquia de San Andrés de Lourizán que discorre "atravesando as instalacións da Estación Depuradora de Augas Residuais de Praceres".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta