(VÍDEO) Como viven as persoas sen fogar os temporais de frío, neve, chuvia ou vento?

O programa da Cruz Vermella 'Persoas en Situación de Extrema Vulnerabilidade' leva un seguimento continuo daquelas persoas que non teñen un lugar onde resgardarse do frío, do vento ou da choiva. Segundo a educadora social Patricia Castiñeira, eles son os "maiores sobrevivintes".

Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/02/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Poder comer ou poder durmir cada día son desafíos diarios das persoas sen fogar. Esta situación complícase cando teñen que levar a cabo estas actividades durante unha situación metereolóxica extrema como son os temporais.

Jesús, unha persoa sen fogar
Jesús, unha persoa sen fogar

A pasada fin de semana, o temporal Karim deixou danos por toda a comunidade galega. As grandes choivas, que provocaron varias inundacións e o desbordamento de diversos ríos así como os fortes ventos, que deron lugar a caídas de árbores e outras incidencias, afectaron de maneira directa ás persoas que non teñen un teito que lles protexa.

Jesús, unha persoa que vive nas rúas de Lugo, contounos que, debido a que leva bastante tempo vivindo nesta situación, xa coñecía un lugar onde non estar á intemperie e abrigarse do temporal, mais non conseguiu pegar ollo durante a noite debido ao medo que sentiu ao escoitar caer algunhas lousas.

O TRABALLO DA CRUZ VERMELLA

Co fin de axudar a estas persoas en situación vulnerable, a institución Cruz Vermella, a través do programa 'Persoas en Situación de Extrema Vulnerabilidade' acoden ás rúas en busca de persoas transeúntes para ofrecerlles os recursos da Institución aos que poden acceder e que poden utilizar. 

Patricia Castiñeira, educadora social que dirixe o proxecto en Lugo, defende que as persoas que viven nas rúas son as "maiores sobrevivintes", xa que buscan os mellores lugares onde poder pasar estas circunstancias, xa sexan casas abandonadas, igrexas ou lugares a resgardo.

Por outra banda, Cruz Vermella conta con diferentes recursos destinados a estas persoas para que sobreleven mellor a súa situación, ofrecéndolles a posibilidade de pasar algunha noite en albergues así como o pago dun hostal durante un tempo para que mentres poidan atopar outro lugar.

Ademais disto, o labor do equipo humano formado por educadoras e traballadores sociais, así como psicólogos e enfermeiras que compón o programa 'Persoas en Situación de Extrema Vulnerabilidade' consiste principalmente no acompañamento destas persoas, ás que se lle posibilita a obtención de documentación, axúdaselles a pedir axudas económicas dixitalmente, encárganse de pedir e acompañalos ás citas médicas, entre outras accións.

COVID-19 E PERSOAS SEN FOGAR

Pola súa parte, a pandemia da Covid-19 que provocou na sociedade unha crise sanitaria, económica e de saúde mental sen precendentes; afectoulles de forma directa e incluso máis pronunciada ás persoas en situación vulnerable, xa que a incerteza do que ía ocorrer supuxo neles unha ansiedade que, en moitos casos, produciu que volveran ou comezaran a consumir drogas.

Así o explica Patricia Castiñeira, que relata que o confinamento estrito -Cruz Vermella improvisou un albergue no Pabillón Municipal para as persoas sen fogar- e a inseguridade desta situación provocou que, en varios casos, volveran ou comezasen a consumir substancias, polo que o camiño que xa tiñan avanzado en apoio ao seu desenvolvemento persoal retrocedeu de forma significativa.

Ademais, a maioría das persoas en situación vulnerable non teñen os coñecementos necesarios para desenvolver as tarefas que, tras a pandemia da Covid-19, fixéronse comúns na nosa vida cotiá, como é a utilización de mecanismos dixitais para levar a cabo todo tipo de accións administrativas.

Aí tamén está o labor de acompañamento da Cruz Roja con estas persoas, explicándolles como se realizan estas accións e indo con eles aos lugares que o precisen para servirlles de apoio nas xestións administrativas e sociais que deban realizar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta