A Xunta esixe ao Goberno que "negocie" a transferencia da AP-9 e ve inviable a chegada do AVE até 2022

Pídelle tamén que responda á súa proposta de descontos nas peaxes.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 28/02/2021 | Actualizada ás 13:52

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, esixiu este domingo ao Goberno central que convoque a mesa para "negociar" a transferencia da titularidade da AP-9 e que responda á proposta do seu departamento en relación aos descontos nas peaxes desta autoestrada.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez | Fonte: Xunta de Galicia.

Nunha entrevista concedida á Radio Galega, Ethel Vázquez, insistiu na súa petición de reunir a comisión de seguimento do traspaso, que xa está en tramitación no Congreso: "A día de hoxe non temos resposta e agardo que, canto antes, nos dean atención a esta petición de sentarnos".

Iso si, a conselleira puntualizou que a transferencia da Autoestrada do Atlántico debe englobar tamén a "dotación técnica e económica necesarias para realizar todas as melloras previstas, tanto de seguridade viaria como de ampliación de capacidade".

Ademais, a titular de Infraestruturas e Mobilidade solicitou ao Executivo de Pedro Sánchez que "cumpra os seus compromisos" cos 50 millóns de euros incluídos nos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) deste ano para evitar a suba das peaxes da AP-9, algo que no entanto si ocorreu finalmente.

Neste contexto, Vázquez lembrou que a Xunta presentou a súa proposta de descontos nesta autoestrada, que pasa por bonificacións do 100% para quen faga viaxes de ida e volta nun intervalo de 24 horas ou dúas viaxes nunha mesma semana, entre outras cuestións.

En palabras da conselleira, é unha proposta "apoiada por cálculos" para que as peaxes sexan "xustas e útiles" e que "non supoñan máis beneficios para a concesionaria" --Audasa--. Pretende que eses 50 millóns de euros "se traduzan xa en feitos, que deixen de ser anuncios e repercutan no peto das familias".

FIXA O AVE PARA 2022

Sobre a chegada do AVE a Galicia, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade fixou no "primeiro semestre do 2022" a posta en marcha deste servizo.

Vázquez considera "inviable" e unha "ousadía" pensar que estea operativo no segundo trimestre de 2021 porque "quedan moitísimas actuacións moi importantes", entre elas probas técnicas e de seguridade.

Neste contexto, solicitou ao Goberno central que "convoque a comisión de seguimento" das obras do AVE "para que non haxa máis datas, contradatas e informacións contraditorias" sobre os prazos da alta velocidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta