A Xunta protexe 150 hectáres de frondosas do Monte Seixo, nas Pontes

Inscribe ese monte no rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2021 | Actualizada ás 12:08

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia publica este martes o anuncio polo que se somete a información pública o proceso de inscrición no Rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas do Monte Seixo, situado no municipio coruñés das Pontes de García Rodríguez e de titularidade da Xunta.

Nun comunicado, a Consellería do Medio Rural detallou que este monte ten unha superficie total de 150 hectáreas e conta cunhas formacións de carballos (Quercus robur) e bidueiros (Betula spp) acompañados por castiñeiros (Castanea sativa) e amieiros (Alnus glutinosa). Esas masas, que foron as que se incluíron neste expediente, abarcan un total de 16,43 hectáreas do monte, en dous cotos redondos.

Deste xeito, a partir do mércores, día 10 de marzo, calquera persoa física ou xurídica poderá examinar no Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Medio Rural na Coruña os documentos correspondentes a este expediente de inscrición, podendo presentar as alegacións que estimen oportunas nun prazo de dous meses.

O departamento autonómico destacou que tramita actualmente un total de 27 expedientes de inscrición neste rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas, que supoñen en conxunto máis de 1.500 hectáreas de terreo. Destes expedientes, cinco corresponden á provincia da Coruña, nove á de Lugo, sete á de Ourense e seis á de Pontevedra.

Ademais, na actualidade, xa existen 18 masas inscritas no rexistro: dous na provincia da Coruña, oito en Lugo, tres en Ourense e cinco en Pontevedra, cunha superficie total de máis dede 1.550 hectáreas.

A Xunta lembrou que en Galicia existe, de acordo co 4º Inventario Forestal Nacional, unha superficie de masas de frondosas autóctonas dunhas 415.000 hectáreas, dominadas principalmente polo carballo, rebollo, castiñeiro e bidueiro, xa sexa en forma de masas dunha soa especie ou en mesturas íntimas de dúas ou máis especies.

Estas masas conforman a paisaxe característica de Galicia e teñen un alto interese para a conservación de especies e hábitats, así como unha gran capacidade para xerar recursos de alto valor para a sociedade.

Recollendo castañas en soutos de Manzaneda. Foto: Natalia Nogueira
Recollendo castañas en soutos de Manzaneda. Foto: Natalia Nogueira

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta