A España de Federico

¿Como sería o trunfo do madrileñismo ultraliberal?.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 14/03/2021

Comparte esta noticia

Teño que confesar que escoito Es Radio a miúdo. Non se trata de escusarse co conto de “coñecer o inimigo”. Se tal, xarope democrático, non o de facer escraches senón o de ter dixestión de escoitar cousas, ás veces moi duras, que che afectan persoalmente. Como pintar aos galegofalantes coma verdugos das liberdades (españolas), e por suposto, na órbita da ETA. Pero hai moito máis.

Hai uns días morreu Rush Limbaugh, co que se ten comparado Losantos -e co que semella haber vasos comunicantes vía os PAC conservadores estadounidenses-, por aquilo do predominio da opinión e da campañas estilo mil colinas, agitprop radiofónica da dereita liberal permanente repetindo unha e outra vez o mesmo sarillo. No caso de Federico, abondan clásicos do seu catálogo quevediano coma o PP maricomplejines, “Ferreras tres capas de calzoncillos” no 11M, goberno socialcomunista, e demais. Pero hai tamén diferenzas. Moito antes de que ata o ABC falase do “emérito”, Losantos denunciaba os excesos de campechanía, ou falaba abertamente dos manexos das cloacas dos Villarejos, por non falar da nebulosa de fiscais, xuíces, policías, Garzóns e a súa copa. Tamén se diferencian no feito que se apele á UE para a defensa dos valores constitucionais, cousa dificilmente comparable co argumentario antiglobalista a ambos lados do Atlántico.  

A realidade é complicada. Es Radio é sobre todo unha pequena empresa case familiar moi ibérica. Por anacos, de ´13 Rue del Percebe´. Coma cando os tertulianos das 8.30 chegaban tarde ao piso da emisora en Juan de Esplandiu “por culpa do tráfico”, ou Inocencio Arias saíndo un momento da tertulia de ´Cowboys de Medianoche´ para mover o coche mal aparcado. Ou Luís Herrero non presentando ´En Casa de Herrero´ cando xogaba o Madrid no Bernabeu, que para iso a empresa é deles.

Cunha audiencia que é oito veces menor cá da SER, mesmo por detrás das cadeas catalanas, supón un ´think tank´ radiofónico para ese sector da dereita liberal moi nacionalista da España dos moi cafeteiros -torrefacto, claro- que confunde a Constitución, a Coroa e o Real Madrid. O PP de Casado naceu nunha antolóxica entrevista en ´Es la Mañana´, de onde saíu tamén boa parte do argumentario e parte dos cadros, e foi alí tamén onde se certificou a súa defunción coa sardónica cobertura da resposta do PP na moción de censura de VOX.  Ninguén na esquerda fixo máis escarnio de Rajoy, ou caricaturizou mellor a vaidade de Aznar.  Adoración case paternofilial de Federico para Cayetana e sobre todo a Arrimadas, que logo pode rematar no desprezo. Ou o amor-odio con ´Pedrojota´, en parte tamén porque se ben ninguén fai mellor escarnio e maldicir en directo, o que queren os Rubidos, Marhuendas, Indas e demais e que os deixen falar a eles, polo que acaban marchándolle.  

No que si hai sempre total fidelidade é á Comunidade de Madrid: dá igual que a lideresa sexa a condesa Aguirre, a salseira Cifuentes ou a castiza Ayuso de Chamberí. Nalgo ten que ver as abundantes campañas da CAM, Canal de Isabel II Gestión -a miúdo defendendo causas coma a igualdade de xénero ou o clima climático, que segundo a liña  editorial son coberturas para pesebres da esquerda-. Obviamente, sen ese apoio non se entende doutro xeito a profusión de anuncios de grandes empresas como ´Los Fernandez son muy Amables´, ´La Agencia Negociadora del Alquiler´ ou ´Conservas Anamaria´, que ocupan moitísimos máis minutos cada día cós da valenciana “La Caixa”, as eléctricas e a ONCE.

Como ben dixo Noel Ceballos no seu artigo na revista CQ, ´Cowboys de Medianoche´ é posiblemente o mellor programa de radio en Español. Supostamente de cine, é unha conversa sobre a amizade de catro homes maiores ós que une o gusto polos praceres da vida – os viaxes, as copas, os restaurantes, os libros e sobre todo o cine-  un ex-fiscal xeral do Estado con Rajoy (Torres-Dulce, no seu día besta negra das mañás de Losantos, que dedica as cancións á súa nonaxenaria nai), un helenista Secretario de Estado de Cultura con Aznar (Luis Alberto de Cuenca), o director oscarizado e luddita (Garci) moderados, é un dicir, por un xornalista (Herrero) da trincheira da dereita antifelipista, eurodeputado popular, e fillo do padriño franquista daquel ao que na intimidade lle chamaba Adolfo. Congregarse con eles cada semana é facer penitencia da propia ignorancia – non só de cine,  coma nenos que nunca medraron de todo, de cómics ou series de ciencia ficción. Testemuño dunha xeración analóxica que lembra quen dirixiu a película – que para ser clásica, ten que ser norteamericana dos cincuenta – pero tamén se lembran en que cine a viron. Dese centro de Madrid da posguerra tardía, un Brooklyn mesetario. Nese barrio do Colexio do Pilar e similares de onde saíron as camadas que fixeron ou permitiron a Transición.      

Do mesmo que Telecinco evolucionou hai xa moito tempo a un ecosistema separado da realidade, case pechado en si mesmo, o mundo, ou mundos, que se asoman en Es Radio son tamén unha burbulla que representa, e crea, unha versión propia da realidade española.   

Losantos é o único patriota español que, ás seis da mañá despois da final do mundial de Sudáfrica, en vez de curar a resaca estaba preocupado pola deriva catalana. Niso acertou. Parte por propia necesidade, nesta idade de profusión mediática o xeito de destacarse é indo aos extremos e facer de demiúrgo da crise constante. Pero a súa postura é demasiado sostida no tempo, desde aquel relato melancólico sobre a súa xuventude na Barcelona de hippies, sexo libre, filosofía marxista e defensa do catalán, coma para que sexa simplemente impostada.  

Non se fai Losantos ilusións sobre o sainete español, a sintonía do “Suspiros de España” cos que abre as mañás dá boa idea diso.  

Fala habitualmente de Orihuela del Tremedal, da súa Virxe e do rudo carácter local, o concello de Teruel máis preto de Madrid, Guadalaxara mediante, e a onde di voltar con frecuencia. Sen embargo a reivindicación da orixe (ou os seus estudos zaragozanos co chunteiro Labordeta) queda en menos ca que o archirival Del Olmo fai sobre O Bierzo, preferentemente desde a distancia madrileña. Tras Iglesias Turrión, do que di lembrarlle a súa xuventude xilipollas barcelonesa, non hai maior inquina ca que lle supón o profesor emigrado en Valencia e líder de Teruel Existe. Coma moitos emigrantes, Losantos parece querer refuxiarse no furor do converso ao lugar de acollida -Madrid como España- e preservar o de orixe o mais posible tal como era a memoria sentimental da infancia.  

 Se ben non é o mesmo un Federico do carácter endurecido polo frío do pelotón do pasmo turolense ca un pasteleiro amigo de xuíces con Herrero –á súa vez nada que ver cun Dieter Brandau que simboliza a miña xeración, tamén na moito menor altura cultural-, e malia a súa pouca simpatía cos gabachos, a España ideal sería algo así cunha Francia con Rei.  Madrid capital de todo, o resto coma moito paisaxe, se ben rexións, provincias e mesmo linguas minoritarias están ben para a decoración e o atractivo turístico. Iso si, cun bipartidismo forte, e maior independencia xudicial e mediática estilo británico, sumándolle un liberalismo da ´rational choice´ a granel para quen o poida pagar.   
O triste, ou a fortuna, segundo se vexa, é que non hai tampouco moito máis, porque ese mundo que aparece representado a través das súas ondas non semella querer ir máis alá de ter un inimigo ao que combater.

José María Aznar e Pablo Casado
José María Aznar e Pablo Casado | Fonte: EFE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Serafín Pazos Analista político, dacabalo entre Bruxelas, onde reside, Escocia, onde traballa, e Galicia, onde ten a cabeza. Escribe a título persoal. @SerafinPazos