As augas residuais poden alertar sobre a incidencia que terá a Covid entre sete e dez día

Investigadores aseguran que "a análise das augas residuais como ferramenta de predición e control da evolución da pandemia é un sistema moito máis doado, estable e económico que realizar cribados masivos entre a poboación".

Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2021 | Actualizada ás 12:20

Comparte esta noticia

Jesús López Romalde, investigador e profesor na USC, coordina un proxecto dentro do programa de micromecenado "Sumo Valor" que se centra na vixilancia de SARS-CoV-2 en augas residuais como ferramenta preditiva e de control da diseminación da pandemia entre a poboación.

Investigador Jesús López Romalde
Investigador Jesús López Romalde | Fonte: Vía Láctea, USC

O seu equipo de investigación, que traballa dende o Centro Singular CRETUS da Universidade de Santiago, colaboran co Ministerio para a Transición Ecolóxica para predicir e controlar a evolución da pandemia a través da análise das augas residuais.

Así, o investigador explica que levan "moitos anos estudando os virus que se transmiten polas vías oral e fecal, responsables de enfermidades como a gastroenterite". "Cando empezou a pandemia descubriuse que o SARS-CoV-2 se detectaba nas feces, co cal o material xenético do virus estaba presente nas augas residuais", apunta.

Por isto, defende, que os equipos que traballan neste eido axiña se puxeron en marcha para ver como podiamos axudar a controlar a expansión da pandemia mediante a análise das augas, co fin de predicir brotes na poboación.

"SISTEMA MÁIS DOADO, ESTABLE E ECONÓMICO"

Os investigadores aseguran que "a análise das augas residuais como ferramenta de predición e control da evolución da pandemia é un sistema moito máis doado, estable e económico que realizar cribados masivos entre a poboación. Ademais, estas análises poden irse acotando ás zonas de maior incidencia do virus. É un sistema que funciona, que é realmente preditivo, e permite tomar medidas de control temperás".

Nesta liña, o profesor Romalde salienta que é posible predicir a incidencia do virus na poboación cunha antelación de 7 a 10 días. "Detectamos que os momentos de maior número de poboación afectada pola enfermidade coinciden cunha maior cantidade de virus nas augas residuais. Ademais, os investigadores xa deseñaron un método para poder identificar as diferentes variantes do virus porque "é importante tamén saber a proporción de variantes que hai entre a poboación", indica Romalde.

 

Segundo os investigadores da USC, nos vindeiros meses estas análises das augas residuais terán unha gran relevancia para coñecer como está a repercutir a vacinación na evolución da pandemia "porque aínda se descoñece se as persoas vacinadas transmiten a enfermidade", lembra Romalde.

 

FINANCIAMENTO

Por outra banda, este proxecto conta co apoio do Consello Social da USC, que busca darlle máis visibilidade e aumentar a captación de fondos, xa que, con indica Romalde indica, "o financiamento é de vital importancia de cara a poder avanzar en novos métodos que nos permitan, por exemplo, detectar novas variantes do virus nas augas e ser cada vez máis rápidos e precisos".

Por iso iniciativas como o programa de micromecenado "Sumo Valor" da Universidade de Santiago de Compostela son "transcendentais para a investigación", defende o investigador. "Agradecemos moitísimo que a poboación se implique con nós porque a finalidade do noso traballo é conseguir facer fronte ao virus, que nos afecta a todos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta