Temas: FRASEOLOXíA

“Buscar un de capa negra en Santiago”, equivalente á paremia castelá “buscar un hijo prieto en Salamanca”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Santiago de Compostela | 21/03/2021 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Para darmos a entender que se busca a unha persoa ou cousa partindo de referencias ou datos que son moi comúns a moitas outras persoas ou cousas, en castelán existe –inda que probablemente hoxe en día o seu uso é bastante residual– a paremia buscar un hijo prieto en Salamanca. En galego fornecemos esa mesma significación, movéndonos ademais nunha idéntica estrutura sintáctica e nun ámbito semántico que poderiamos catalogar como análogo, coa expresión buscar un de capa negra en Santiago.

Tuna de Santiago de Compostela
Tuna de Santiago de Compostela | Fonte: Youtube

Buscar un hijo prieto en Salamanca

{= Procurar unha persoa ou cousa baseándose en referencias ou datos que son moi comúns a moitas outras persoas ou cousas, polo que resultará moi difícil, ou case imposible, dar con ela.}

Buscar # Procurar un de capa negra en Santiago

Ex.: Con respecto al ladrón, la Policía solo sabe que es un varón de baja estatura... En fin, buscar un hijo prieto en Salamanca.

Polo que atangue ó ladrón, a Policía só sabe que é un varón de baixa estatura... En definitiva, buscar un de capa negra en Santiago.

● Tamén, como variantes:

Buscar # Procurar alguén de capa negra en Santiago && Buscar # Procurar unha persoa de capa negra en Santiago

NOTAS:

1. Nótese que hai bastantes contextos de uso nos que estas paremias poden confluír coas equivalentes á castelá buscar una aguja en un pajar, que veremos no seu día e que en certa medida case se podería considerar hiperónima delas, na medida en que, a nivel xeral –e con matices–, buscar una aguja en un pajar case sempre se pode empregar nos contextos de buscar un hijo prieto en Salamanca, pero non así ó revés.

2. Tal e como se recolle no traballo “Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 1”, a expresión galega tamén é susceptible de se empregar (coidamos que por ampliación e/ou deturpación da “significación” primixenia) para manifestar que se busca unha persoa ou cousa que desapareceu ou se perdeu e que entendemos que vai ser moi difícil de atopar. Reflectimos a seguir o exemplo rexistrado na dita fonte:

—Quedou el cos cartos de todos e agora non o dan atopado. —Si, búscame un de capa negra en Santiago.

3. Neste traballo que acabamos de mencionar no punto anterior fornécese a explicación da paremia, que copiamos a seguir:

«En Santiago ata o século XX os estudantes e os curas usaban capa negra: os estudantes aínda se conserva na indumentaria da Tuna; e os curas aínda usaron o manteo case ata o final do milenio, como aínda se ve nesas esculturas que se vendían como lembranza de Compostela e que se chamaban “Chovendo”. Había tanta xente con capa negra en Santiago que era difícil atopar un concreto.»

Que vén cadrando coa que dá tamén Eladio Rodríguez no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano:

«Buscar un de capa negra en Santiago, buscar lo que difícilmente puede encontrarse por imprecisión de señas, con solo una indicación tan equívoca; y mucho más si se tiene en cuenta que en Santiago abundan los sacerdotes, los seminaristas, capellanes, etc. que visten capas o manteos negros, lo cual hace más imposible lo que se pretende.»

4. Obsérvese, por outra banda, a semellanza desde un enfoque semántico entre a paremia castelá e a galega: a cor prieta non deixa de ser unha cor que practicamente non se distingue do negro, tal e como se recolle no propio DRAE, e Salamanca, ó igual ca Santiago, é unha cidade dunha indubidable tradición universitaria, e mesmo tamén eclesiástica.

5. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 1”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 14, 2012, páxs. 287-308. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- López Barreiro, Margarita: “Frases feitas do Cachafeiro (Forcarei)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 317-327. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Real Academia Galega: Diccionario gallego-castellano. De entre 1913 e 1928. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Zamora Mosquera, Federico: Refráns e ditos populares galegos. Ed. Galaxia, 1972, Vigo.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta