Temas: FRASEOLOXíA

“A carioca que leva o rabo na boca” ou “a carioca de rabo na boca”, equivalentes á castelá “la pescadilla que se muerde la cola”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 26/03/2021 | Actualizada ás 18:35

Comparte esta noticia

Naqueles casos en que pretendemos facer referencia a unha situación, que temos normalmente por negativa ou prexudicial, na que existe un proceso bidireccional no cal unha parte A é o mesmo tempo causa e efecto dunha parte B, e viceversa, de xeito tal que ou ben se rompe esa cadea ou non hai solución posible para a dita situación, en castelán emprégase basicamente a paremia la pescadilla que se muerde la cola, paremia da que tamén adoitan botar man moitos galegofalantes facendo unha mínima adaptación: *a pescadilla que se morde a cola (onde temos un barbarismo léxico constituído pola voz pescadilla –dado que a nosa forma máis común, e que forma parte do elenco normativo, é carioca– e mais un castelanismo sintáctico materializado na existencia do pronome reflexivo indirecto se, fenómeno este que xa trataramos máis polo miúdo no artigo “¡Vaites + substantivo!” ou “¡Vaia + substantivo!”, en troques de “¡Menudo/a + substantivo!”).

Pescada
Pescada

Mais en galego temos paremias de noso que dan conta desta mesma significación, como imos ver a seguir:

La pescadilla que se muerde la cola

{= Situación, considerada normalmente negativa ou prexudicial, conformada por un proceso bidireccional no que A é ó mesmo tempo causa e efecto de B, e viceversa, de tal xeito que ou se rompe a cadea ou non hai solución posible para ela.}

A carioca que leva o rabo na boca

A carioca de rabo na boca

Ex.: El estrés y el insomnio, o la pescadilla que se muerde la cola: el primero provoca el segundo, y este último está muchas veces en el origen de aquel.

O estrés e mais o insomnio, ou a carioca que leva o rabo na boca ou a carioca de rabo na boca: o primeiro provoca o segundo, e este último está moitas veces na orixe daquel.

Ex.: Muchas empresas descartan a los jóvenes por falta de experiencia, pero si ninguna de ellas les da una oportunidad, nunca lograrán tal experiencia. Es la pescadilla que se muerde la cola.

Moitas empresas descartan a xente nova pola súa falta de experiencia, pero se ningunha delas lles dá unha oportunidade, nunca han lograr tal experiencia. Éche a carioca que leva o rabo na boca a carioca de rabo na boca.

● Mesmo tamén:

O peixe do rabo na boca && O peixe que morde o rabo && A cobra que morde o rabo

● E mesmo, en moitos contextos:

Círculo vicioso && [E MAIS]: Bucle (vicioso) && Espiral (viciosa)

Círculo vicioso && [E MAIS]: Bucle (vicioso) && Espiral (viciosa)

Ex.: O estrés e mais o insomnio, ou o círculo vicioso ou o bucle vicioso ou a espiral viciosa: o primeiro provoca o segundo, e este último está moitas veces na orixe daquel.

Ex.: Moitas empresas descartan a xente nova pola súa falta de experiencia, pero se ningunha delas lles dá unha oportunidade, nunca han lograr tal experiencia. Éche un círculo vicioso un bucle (vicioso) unha espiral (viciosa).

NOTAS:

1. A paremia a carioca que leva o rabo na boca tamén presenta a variante a carioca, que leva o rabo na boca (sintacticamente, a oración que leva o rabo na boca funciona no primeiro caso como modificador especificativo de carioca –ou sexa, de entre todas as cariocas, o emisor fai referencia só a aquelas que levan o rabo na boca–, mentres que no segundo funciona como elemento simplemente explicativo, mais non especificativo –ou sexa, o emisor interpreta como condición practicamente inherente á carioca a circunstancia de levar o rabo na boca, e simplemente a enuncia como explicándoa, aplicada á xeneralidade das cariocas ou, cando menos, á xeneralidade das cariocas a que se está a referir no seu enunciado–).

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- García, Constantino & González González, Manuel (dirs.): Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega. Colección Galicia Viva / Real Academia Galega. Fundación Pedro Barrié de la Maza, ano 2004.

- Harguindey, Henrique: “Pescada”. Dentro da colección de artigos do autor para o xornal Nós Diario (antes, Sermos Galiza).

- Soto Arias, María Rosario: “Novas catas no campo nocional dos peixes e outros animais mariños”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, 2017, páxs. 97-123. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- VV.AA.: Unha maré de palabras (Contribución ao léxico do Morrazo). Xunta de Galicia–Museo Massó, 2005.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta