Montes en man común, unha tradición galega milenaria en perigo de desaparición

O monte en man común pode estar en risco. Asociacións ambientalistas, comunidades de montes, sindicatos agrarios e mesmo estudos académicos, alertan sobre as modificacións que a Lei de Simplificación Administrativa pode traer en canto o uso deses montes. O temor a que intereses privados primen sobre os dereitos das comunidades de montes fai pensar en manobras para a ocupación de terreos que suman entre 600.000 e 700.000 hectáreas en toda Galicia

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 25/03/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Lei de Simplificación Administrativa e Reactivación Económica , unha iniciativa do PP, prendeu as alarmas entre diferentes sectores e profesionais que defenden a figura do monte en man común. Dentro do articulado desta lei (9/2021) o seu artigo 53 Concorrencia de utilidade ou interese públicos con montes veciñais en man común, dentro do seu punto 1 outorga a quen promova un proxecto dentro dun monte veciñal unha “autoridade” tamén ostentada pola Xunta como é a de dar o visto bo ás avaliacións que realicen os e as comuneiras partícipes do monte.

Bosque. EUROPA PRESS - Arquivo
Bosque. EUROPA PRESS - Arquivo

A PREVALENCIA DO MONTE EN PERIGO

“Mesmo durante o franquismo se respectou esta figura creando o Acto de Prevalencia do monte en man común” que lle outorgaba unha certa protección ante posibles accións contra estes espazos comunados. A prevalencia do monte podía verse superada por proxectos considerados de maior prevalencia como infraestruturas estatais. “Coa lei de simplificación pérdense dereitos recollidos polas comunidades en canto se declara un proxecto de utilidade pública que pode acabar en expropiacióndi Xosé Santos da asociación Amigos das Árbores.

Queren saltar un proceso democrático como é que os comuneiros dean a súa aprobación ou non a un proxecto” di José Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM). “Agora temos 15 días para presentar alegacións ao promotor dun proxecto que afecta ao monte, se non lle interesan as alegacións seguirá para adiante”. O que ORGACCMM ve nisto é a perda do Dereito de Prevalencia do monte común.

“Non se estudará cada caso e se fose preciso, realizaríase un acto de expropiación neses terreos aludindo a un interese “público” sinala Diego Sánchez do Sindicato Labrego Galego (SLG). “Hai sectores privados concretos que buscan reter o maior número de hectáreas para colocar proxectos industriais en chan rural”. Estas accións son consideradas polo SLG como unha manobra para fomentar o abandono do rural.

Parques eólicos .. ENEL GREEN POWER - Arquivo
Parques eólicos .. ENEL GREEN POWER - Arquivo

“Estanse dando pasos para desvirtuar o que faga unha comunidade de montes” di o enxeñeiro Santos Arena, quen resume a cuestión: “a lei de simplificación podería favorecer a instalación de aeroxeradores eólicos, por exemplo, saltando o acto de prevalencia do monte e da comunidade que o aproveita”.

Jacobo Feijóo, de Unións Agrarias (UUAA) cre que “as medidas actuais operan moitas veces contra os propietarios e o ideal sería buscar unha conexión entre as comunidades de montes e proxectos privados”. As instalacións poderían pagar un aluguer ás comunidades polo uso do chan “pagando prezos reais pola produción, non cantidades irrisorias”.

Outro punto do artigo 53 é a figura da concesión temporal dos terreos, aproveitando o decreto 260/1992 polo que se aprobaba o regulamento da lei de montes da Xunta de Galicia 13/1989. Así existen concesións por 30 anos para edificacións e de 10 para usos agrarios, por exemplo. En ambos os casos pódese renegociar ou prorrogar o período temporal. O problema viría, segundo as fontes consultadas, dunha perda da “memoria histórica” dos dereitos comunais sobre os terreos. Isto é, unha concesión por 30 anos ou de 50 se se chegan a aplicar a determinadas explotacións (mineiras por exemplo) podería ser un período en que ninguén reclame como monte común o terreo en concesión, por tanto, a concesionaria podería manobrar para quedar coa propiedade do monte.

O MONTE EN COMÚN, OS ÚLTIMOS DÍAS?

A historia do monte en man común remóntase ao chamado dereito xermánico do reino suevo de Galicia, segundo os expertos. Con mil anos de pervivencia, este tipo de propiedade serviu para manter economías familiares co aproveitamento para o gando, leña, cultivos en común etc. A Lei de montes de 1957, baseándose en parte no dereito civil de Galicia outorgou o Decreto de Prevalencia ao monte en común. Outras leis reforzaron e modificaron o estatuto destas terras como a Lei 52/1968, do 27 de xullo, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, do 26 de febreiro de 1970, pola Lei 557/1980, do 11 de novembro, e por último pola Lei 55/1980, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Todo isto trouxo un proceso de progresiva liberalización, eliminando a intervención administrativa, acentuando o carácter de bens de dereito privado, dando máis e maior autonomía ás comunidades. En Galicia a lei 13/1989 deixaba á Xunta como último administrador en caso de non haber comunidades que puideran facerse cargo do monte. As leis 7/2021 e 9/2012 e 3/2018 modificaron a de 1989 derogando e modificando artigos.

“O problema está no novo plan forestal que quere eliminar o monte en man común” di José Pereira. “O plan forestal ataca os dereitos históricos sobre os montes comunados ademais de funcionar como unha especie de PXOM sobre estes terreos”. A superficie de montes en común en Galicia está entre as 600.000 e as 700.000 hectáreas. Segundo datos de  ORGACCMM, sábese de 3.000 comunidades de montes.

Pereira sinala tamén que as comunidades de montes tiñan débedas que deberían pagar en 2016, senón as terras pasarían a ser propiedade de empresas privadas. Conseguiron paralizar este proceso, aínda que a defensa do monte en común cada día é máis difícil. “Nas provincias da Coruña e Pontevedra pode facerse forza pola maior densidade de poboación, xusto ao revés que en Lugo e Ourense, con altas taxas de abandono do rural”.

MEDIO RURAL

A consellería de Medio Rural, en resposta a se se perderá ou desvirtuará a figura do monte en man común responde que "non existe risco de que se perda esa referencia. Cómpre sinalar, neste sentido, que existe un rexistro galego de Montes Veciñais en Man Común (MVMC) con cartografía".

Aínda así, as futuras accións que se leven adiante e que son froito de temores por parte de persoas e comunidades de montes, son descritas por Medio Rural como positivas. "Falamos de xeración de riqueza e de creación de postos de traballo, en tarefas coma as relacionadas co mantemento do parque e as súas infraestruturas". Ademais, hai que advertir que normalmente a proporción de superficie detraída da "produción forestal por este tipo de instalacións non é grande, e os terreos dos parques eólicos son compatibles con outras producións, como a gandeira".

Sobre a titularidade dos montes e no caso de xestión por parte da Consellería, esta mesma aclara que "Cómpre aclarar que os MVMC son terreos privados e que polo tanto a súa xestión corresponde aos seus titulares. En todo caso, a Consellería do Medio Rural exerce a súa responsabilidade e as súas competencias en materia de ordenación e planificación forestal tanto nestes montes como, en xeral en toda a superficie forestal de Galicia".

O último reconto de hectáreas baixo este réxime aparece en 2018, recollendo a existencia de 3.312 montes tiñan a consideración de Monte Veciñal en man Común clasificados polos xurados provinciais cunha superficie total de 664.229.89 ha, o que fai unha media de 200,55 ha por MVMC. A maiores, toda a información dispoñible ao respecto, de xeito detallado, pode consultarse no anuario de estatística forestal de Galicia: https://mediorural.xunta.gal/gl/recursos/estatisticas/estatisticas-forestais.

O departamento de José González engade que os MVMC son, por lei, solo rústico de especial protección forestal. Calquera uso compatible con esta cualificación e que conte co acordo dos propietarios do monte é aceptado, a Xunta ten a competencia de rexistrar eses aproveitamentos.

O monte en común encara un futuro incerto logo de case mil anos de pervivencia. As diferentes modificacións legais sobre esta figura fan sospeitar a algúns propietarios e persoas vinculadas a movementos de protección do MVMC, sobre o desexo de intereses privados para acaparar terreos agrarios. Mesmo terreos que antes eran improdutivos, como os montes onde non se podía cultivar ou plantar árbores por culpa do vento, agora son rendibles precisamente pola forza eólica. A perda destes montes sería tamén a perda dunha pegada importante da historia de Galicia e da súa economía segundo sindicatos agrarios, expertos en aproveitamento forestal e gandeiro e movementos ambientalistas. Medio Rural pola súa parte, engade que non existe razón algunha para preocuparse, sempre se respectará a decisión da comunidade de montes.

O conselleiro de Medio Rural, José González, no seu despacho en entrevista con Europa Press
O conselleiro de Medio Rural, José González, no seu despacho en entrevista con Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta