Protestas en toda Galicia contra un plan forestal da Xunta "feito a medida das madeireiras"

Unha vintena de municipios, entre eles o sete cidades galegas, acollen protestas para pedir a "anulación inmediata" do plan por afectar a biodiversidade forestal galega.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 21/03/2021 | Actualizada ás 17:45

Comparte esta noticia

Máis dunha vintena de localidades das catro provincias galegas acolleron de maneira simultánea este domingo protestas contra o novo Plan Forestal da Xunta, convocadas por medio centenar de organizacións que conforman a plataforma Por un Monte Galego con Futuro.

En Pontevedra, unhas 150 persoas secundaron, na Praza da Ferrería, a convocatoria desta mobilización co lema 'Non ao Plan Forestal do PP'. Estivo encabezada por representantes da Asociación pola Defensa da Ría (APDR) e a Mancomunidade de Montes de Pontevedra, que esixiron que Ence marche "fóra da ría xa".

Coincidindo co Día da Árbore, esta protesta --baixo os protocolos anti covid-- reivindicou a "anulación inmediata" do novo Plan Forestal, aprobado o pasado 25 de febreiro. Na lectura do manifesto, o vicepresidente da APDR e presidente da Federación Ecoloxista Galega, Benito Andrade, denunciou que "se están intensificando as novas plantacións, legais e ilegais" de eucalipto, unha especie que xa ocupa unhas 600.000 hectáreas.

Por iso, expuxo que a Xunta "debería identificar e cuantificar a superficie de monte ocupada ilegalmente" con este monocultivo para "ser reparada canto antes" co seu uso orixinal.

"DIAGNÓSTICO FICTICIO" DO MONTE

Ademais, acusou ao Executivo autonómico de elaborar un "diagnóstico ficticio" do monte galego "a partir dun inventario forestal irreal e desfasado con datos de 2009", e de "carecer de consenso social" por non ter en conta a todos os axentes sociais vinculados ao ámbito rural.

Andrade advertiu que o Plan Forestal "só responde a intereses productivistas e de carácter privado", pondo a súa ordenación "en mans de empresas madeireiras e forestais" e fomentando o aumento das especies "pirófitas e invasoras ata conseguir 1,4 millóns de hectáreas de piñeiros e eucaliptos en 2040".

Con esta perspectiva, o vicepresidente da APDR criticou a "vulnerabilidade" do monte galego fronte ao cambio climático e a desaparición das comunidades de montes veciñais en man común "en favor da privatización".

MANCOMUNIDADE

Neste sentido, o presidente da Mancomunidade de Montes de Pontevedra, Iván Pérez, cualificou a privatización do monte como unha "ameaza" que acabaría "convertendo o monte só nun modelo de absorción económica, moi lonxe do uso social que se quere promover desde as comunidades de montes". No caso de Pontevedra, destacou a "presión" da empresa Ence para permanecer en Lourizán.

Aínda que recoñeceu que hai comunidades de montes que abastecen de eucalipto á pasteira, Pérez explicou que "agora mesmo é a materia prima" que abunda debido a "unha política que levou a cabo durante moitos anos e que seguirá" mentres non se implante un novo Plan Forestal que, segundo o presidente da Mancomunidade de Pontevedra, debería "fomentar outra industria, non única senón, como mínimo, complementaria" ao eucalipto.

LORES CARGA CONTRA ENCE E A XUNTA

Entre os asistentes á concentración, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado por outros integrantes do grupo municipal do BNG, expresou a súa preocupación porque desde a Xunta "non están polo labor de diversificar" o monte, ao que se referiu como "un activo importantísimo para este país".

PROTESTA EN SANTIAGO

Á vez que en Pontevedra e nunha vintena de localidades, a Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela contou con outra concentración contra o novo Plan Forestal, na que participaron ao redor dun centenar de persoas.

Fronte ao Pazo de Raxoi, os manifestantes tamén lanzaron proclamas contra a industria pasteira, como "o monte é noso e non da celulosa", á vez que solicitaron a marcha do presidente da Xunta: "Feijóo, dimite, Galicia non te admite".

Protesta convocada pola plataforma Por un Monte Galego con Futuro en Pontevedra
Protesta convocada pola plataforma Por un Monte Galego con Futuro en Pontevedra | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 AnexoI

O monte e noso?? Será dos seus lexítimos propietarios, digo eu. Ou non?

1 Teo

Ainda que sexa privado ese monte está rexido por varias leis. Ou acaso podes facerte legalmente unha casa onde te pete? Non, pois iso. E sí, a paisaxe é de todos.