O Grupo Ribera Salud, o gran competidor do Sergas nos hospitais privados de Galicia

O propietario de Povisa en Vigo e Polusa en Lugo asumirá tamén a xestión do Hospital Juan Cardona de Ferrol.

Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 26/03/2021 | Actualizada ás 11:41

Comparte esta noticia

O grupo sanitario Ribera Salud, propietario de Povisa en Vigo e Polusa en Lugo, chegou a un acordo coa Fundación Santo Hospital de Caridade para asumir a xestión asistencial do Hospital Juan Cardona que a entidade ten en Ferrol.

Este acordo non inclúe a compra do inmoble que segue sendo propiedade da Fundación. A operación está pendente das autorizacións administrativas correspondentes, segundo trasladou a actual dirección do hospital ferrolán.

A Fundación Santo Hospital de Caridade seguirá vinculado a este hospital, posto que ademais de seguir sendo propietario do inmoble, manterá toda a xestión da súa obra social. Con esta operación, o grupo Ribera especializado na xestión de proxectos sanitarios innovadores, continúa diversificando o seu campo de actividade e consolida a súa presenza na sanidade galega tras a adquisición dos hospitais Ribera Povisa de Vigo en decembro de 2019 e Ribera Polusa e clínicas Santo Domingo de Lugo en novembro de 2020.

Hospital Juan Cardona en Ferrol
Hospital Juan Cardona en Ferrol | Fonte: Google Maps.

CARACTERÍSTICAS

O Hospital Juan Cardona ten máis de 22.000 metros cadrados e é o único centro hospitalario privado de Ferrol e traballa coas principais aseguradoras sanitarias. Conta con 183 camas, catro quirófanos, seis unidades de hospitalización e unidade de coidados intensivos (UCI), así como un persoal de 300 profesionais.

VALORACIÓNS

Para Elisa Tarazona, conselleira delegada do grupo Ribera, esperan "tras as autorizacións administrativas correspondentes, poder seguir sumando á sanidade galega, mantendo o compromiso e os valores da Fundación para continuar ofrecendo o mellor servizo aos cidadáns e contribuíndo co noso modelo de saúde responsable, a mellorar o benestar da poboación".

Para Alberto Lens, presidente-irmán maior da Fundación esta é "a mellor solución para fortalecer a asistencia sanitaria de Ferrol e comarca, asegurar o mantemento do persoal e mantendo a propiedade do inmoble hospital, que é de todos os ferroláns".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta