Por que tantos incendios no Parque do Xurés, descoordinación ou falta de interese?

O Parque do Xurés-Gerés sofre todos os anos lumes atacan un ecosistema considerado único en Galicia e norte de Portugal. As versións recollidas nesta reportaxe apuntan a factores múltiples, incluíndo intereses agrogandeiros, madeira e a “anomia” da Xunta de Galicia, última figura con autoridade nesta área. Nin sequera os investimentos que se realizan nesta área son vistos como suficientes para a preservación e protección do parque.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 29/03/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O continuo do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés - Parque Nacional da Peneda-Gerês, é un dos focos onde se localizan unha alta incidencia de lumes forestais tanto en períodos de baixo risco como alto risco. A importancia desta área, tanto polo seu valor natural como etnográfico, non parece ter peso abondo segundo algunhas voces para fornecer maiores medidas tanto de prevención como de actuación directa, mesmo implicando os axentes locais (gandeiros, agricultores, etc.). Así, hai quen valora a actitude das autoridades como de “anomia”, falta de interese sobre este espazo onde só se actúa, din algúns, cando os motivos premen para facelo.

Incendio forestal no Parque Natural do Xurés
Incendio forestal no Parque Natural do Xurés | Fonte: Emerxencias Ourense @EmerxenciasOu

ORIXES DOS LUMES

Os motivos detrás dos incendios no Xurés, “como en calquera outro lugar de Galicia” son múltiples. Detrás hai unha serie de intereses que xogan en contra da preservación no Parque Natural, o que leva a unha multicausalidade onde se implican desde os intereses gandeiros, madereiros ou actos criminais. Domingo Rodríguez, presidente da Comunidade de Montes Río Caldo, sinala factores de poboamento e despoboamento. “Antes había cen familias con 1.500 cabras no monte que o mantiñan limpo”. Isto foi así ata a década de 1950 cando o Instituto de Conservación de la Naturaleza (ICONA), dentro dos plans de “reforestación” do réxime franquista “plantou piñeiro e para iso a administración apropiouse do monte e botou o gando”.

Por outra parte, algúns consideran o contexto administrativo actual como favorecedor da aparición de lumes nesta área. “Existe unha política de anomia, un deixar facer deixar pasar, da Xunta de Galicia” di Xosé Santos de Amigos da Terra. Esa “anomia” pode traducirse na recorrencia de incendios dentro desta área. “Hai un uso e abuso do lume para crear pastos, aínda que quen comete o delito de queima intencionada son unha  minoría, somos a maioría quen atura estas accións”.

“Os incendios nesta área teñen moitos intereses detrás, é unha multicausalidade que recolle desde o cambio climático, políticas de reforestación e tamén a falta dun Plan de Ordenamento para esta zona” apunta Ramsés Pérez, de ADEGA. “Tamén ás veces son as comunidades de montes as que non permiten accións como a gandería extensiva”, di Pérez, en alusión á posibilidade do uso deste tipo de explotación gandeira como elemento preventivo contra o lume.

A Xunta de Galicia responde pola súa parte que “a consellería de Medio Ambiente está a traballar na redacción do Plan reitor de Uso e Xestión do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés”. Para iso “retomou este mes unha rolda de contactos que comezou en xaneiro coa finalidade de darlle un pulo definitivo á redacción do futuro PRUX” que marcará “as pautas a seguir para orientar o desenvolvemento deste espazo”. O obxectivo é que o plan este aprobado a finais de 2021.


AUSENCIA DE XESTIÓN

No Xurés  non existen planos de ordenación ademais de que cando se redactan son xa papel mollado” di Ramsés Pérez . A política de conservación segundo Pérez, é un investimento en “restauración de pontes, facer e asfaltar pistas e así as políticas de conservación reciben fondos moi baixos ou case nulos”.

As subvencións para rozar o monte están mal deseñadas, pois a maioría van destinadas a roces con maquinaria que non pode acceder á maior parte do monte” sinala Xosé Santos. “Realmente é que non teñen en conta os informes dos axentes medioambientais” ademais de que as repoboacións poderían facerse con outras especies.

“Hai que presentar alternativas viables como o uso das novas tecnoloxías para traballos como o pastoreo” di Domingo Rodríguez. “O investimento en formación, en crear marcas comerciais baixo un selo para garantir que os produtos obtidos proceden dun espazo natural, subvencionar actividades que garantan un retorno dese monte” son vías de solución, e parte, para evitar o deterioro do Xurés, así como outras áreas.

Desde a Consellería de Medio Ambiente aseguran que xa se conta cunha “proposta inicial de zonificación que incluirá os usos e actividades permitidos en cada zona en función da súa categoría, e tamén os pasos a seguir na tramitación”. O departamento de Ángeles Vázquez sinala que en próximos meses chamarán a consultas “ás asociacións veciñais da zona, comunidades de montes e outros sectores con intereses e implicación no Xurés”. A idea é poñer en marcha este plan de protección.

Pola súa parte, Medio Rural responde que o número de incendios intencionados é dunha relación de 3 de 4 e que "esta causística tamén se dá no Xurés". En canto ao uso de gandería extensiva como métido de prevención, o departamento de José González, responde que en 2020 inicou un "Plan de Pastoreo de Galicia, co obxectivo de fomentar a ordenación e posta en valor dos pastos da comunidade para un mellor aproveitamento dos recursos naturais ao mesmo tempo que traballan en anticiparse aos incendios forestais".

Todas estas actuacións faríanse contando "coa vontade dos propietarios para a súa implementación, incluídas as comunidades de montes veciñais en man común". Sobre a intensidade de lumes e a súa frecuencia Medio Rural di dispoñer dunha "cartografía dos lumes forestais de toda a comunidade o que permite a análise da situación". Tamén sinala que se están levando adiante plans específicos para a rexeneración de zonas afectadas.

Por último, sobre a formación de novos traballadores agrarios e gandeiros de cara a reactivar economicamente a zona, a Consellería de Medio Rural responde que existe unha "achega de 4.2 millóns de euros dentro do Plan de Reactivación e Dinamización do Medio Rural para accións de formación, innovación e dixitalización".

De todas maneiras, os lumes no Xurés xa comezaron a aparecer e a pór en risco un espazo único dentro de Galicia e o Norte de Portugal. A multicausalidade, os diversos intereses, a posible falta de protección acaída para este lugar son parte dos fenómenos que orixinan os lumes. Aínda que, como na maioría do territorio galego, o abandono do rural, o baleirado das aldeas e lugares fai que o risco de incendio aumente ano tras ano segundo expertos na materia. E o Xurés non é unha excepción.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta