A Garda Civil e a Policía Nacional intensificarán o control do peche perimetral de Galicia este fin de semana

Trátase de evitar os desprazamentos a segundas residencias e, especialmente, a chegada de turistas de fóra de Galicia.

Por Erik Dobaño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2021 | Actualizada ás 17:58

Comparte esta noticia

A Garda Civil e a Policía Nacional intensificarán o control do peche perimetral de Galicia este fin de semana no marco das medidas acordadas para Semana Santa.

Segundo trasladou a Delegación do Goberno en Galicia, prevese que este fin de semana uns 3.500 axentes realicen 2.700 controis nas principais vías de acceso a Galicia e en infraestruturas de chegada de viaxeiros, como estacións de tren e autobús e aeroportos.

Deste xeito, buscarase comprobar que os desprazamentos de persoas procedentes de fóra da comunidade se axusten ás excepcións establecidas pola normativa. Así, controlaranse o peche perimetral e o cumprimento das limitacións de encontros de non convivientes, ademais de prestarse apoio á hostalaría para garantir que se respectan as medidas nestes establecementos.

En concreto, o acordo alcanzado polo Ministerio de Sanidade e os gobernos autonómicos para Semana Santa inclúe, ademais do peche perimetral das comunidades, a limitación da mobilidade nocturna. Tamén se prohibiron as reunións de persoas non convivientes en domicilios e os encontros de máis de catro persoas en espazos públicos pechados, así como os de máis de seis en lugares abertos.

Paralelamente, as forzas e corpos de seguridade do Estado establecerán dispositivos ao longo desta semana para vixiar o cumprimento das medidas acordadas polo Goberno central e as comunidades no Consello Interterritorial de Saúde, ademais das restricións establecidas pola Xunta.

Un axente realiza un control para garantir o cumprimento do peche perimetral de Galicia. DELEGACIÓN DO GOBERNO EN GALICIA
Un axente realiza un control para garantir o cumprimento do peche perimetral de Galicia. DELEGACIÓN DO GOBERNO EN GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta