É a xeografía da devastación. Concellos que nestes 13 días que levamos de setembro sufriron, están a sufrir, a voracidade de lumes desbocados que arrasa os montes e cerca as casas sen que pareza enxergarse o fin deste desastre.
Os últimos datos oficiais ofrecidos pola Xunta de Galicia falan de 11.000 hectáreas calcinadas no que vai de ano -ás que hai que sumar as 3.000 ardidas nas últimas 48 horas-, aproximadamente un terzo do total de toda España.
Non está no meu ánimo polemizar sobre este desastre, que se nos volveu traxicamente habitual por repetido cada verán. Pero que Galicia arda polos catro costados e ao presidente da Xunta o balance lle pareza "extraordinariamente positivo"…
O incendio do Pindo xa superou as 2.000 hectáreas. O incendio de principios de mes en Oia calcinou máis de 1.800. Hai pouco, o de Cualedro devastou máis de 2.200. Son incontables os que superaron as 20 hectáreas, as 100, as 200... Pero o balance é "extraordinariamente positivo".
Só neste mes, decretouse o Nivel 1 de alerta por proximidade das chamas a núcleos de poboación en San Amaro, Pontecaldelas, Santiago, A Fonsagrada, Negreira ou Carnota. Pero o balance é "extraordinariamente positivo".
Rexistráronse incendios en paraxes de extraordinario valor ambiental e paisaxístico como a Serra Dos ancares ou o Monte Pindo. Pero o balance é "extraordinariamente positivo".
Houbo un tempo en que esa mesma persoa e o seu partido atacaron os gobernos de España e de Galicia sen piedade polos incendios que sufría Galicia e os responsabilizaron ata das tráxicas mortes acontecidas neles. E todo iso, mentres se facían fotos con mangueiras de xardín. Mesmo chegaron a insinuar a falsidade de que Galicia ardía porque aos brigadistas se lles esixía saber galego...
Dende estas liñas, quero mostrar a miña total solidariedade coas persoas que están a sufrir en primeira liña esta onda de incendios e o meu absoluto agradecemento aos que están a loitar sen cuartel para deter este desastre, dende voluntarios a brigadistas. A todos eles.
E dende estas liñas quero dicir o presidente da Xunta que a min non só me preocupa "a deterioración da imaxe de Galicia", senón sobre toda a deterioración e a devastación de Galicia. Os incendios non son un problema de imaxe, son un problema de fondo. E, lamentablemente, nunca chegamos ao fondo.