O plan de ordenación do Parque Natural de Corrubedo sométese a información pública

O delegado da Xunta visita o parque para anunciar este novo paso para dotar este espazo dunha ferramenta que regule o seu uso público.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/03/2021 | Actualizada ás 10:19

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns o anuncio polo que se somete a información pública a modificación do plan de ordenación dos recursos do parque natural Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, e polo que se aproba o plan reitor de uso e xestión.

En concreto, a Consellería de Medio Ambiente sométeo a información pública por un prazo de 15 días hábiles, contado desde este martes, que é o día seguinte á publicación do anuncio. Durante ese período, o texto do proxecto de decreto poderase consultar no portal de transparencia da Xunta e as persoas interesadas poderán enviar as súas alegacións, preferentemente mediante correo electrónico.

O documento establece, entre outras cuestións, o mapa de zonificación do parque natural (no seu anexo I). En anexo II recolle o plan reitor e o III, a cartografía correspondente. Con base na lei de patrimonio natural e da biodiversidade, busca a prevención e control das especies exóticas invasoras presentes en Corrubedo.

No apartado de usos e aproveitamentos actuais e previstos, refírese aos pesqueiros e de marisqueo --seguirase permitindo na zona libre de marisqueo da praia de Ladeira--, así como aos agrogandeiros, forestais e industriais. Tamén incorpora un plan de xestión de emerxencias para "optimizar a utilidade dos recursos materiais e humanos dispoñibles polo parque co obxecto de controlar a evolución de situacións de emerxencia e minimizar as súas consecuencias".

VISITA DO DELEGADO

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou o parque este luns para anunciar este novo paso para dotar a este espazo dunha ferramenta que regule o seu uso público. Acompañado polo alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, lembrou que o pasado 12 de marzo a xunta reitora do parque natural foi informada do contido do decreto.

Tras analizar as achegas e valorar posibles modificacións, o plan reitor remitirase ao Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentable para sometelo ao seu informe, "previsiblemente" en abril, segundo a consellería. Será o último paso antes da aprobación definitiva por parte do Consello da Xunta deste documento requirido pola lei de patrimonio, que desenvolve as directrices emanadas do plan de ordenación de recursos naturais aprobado en 1992.

Trenor visita Corrubedo. XUNTA
Trenor visita Corrubedo. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta