A Misión Biolóxica de Galicia, cen anos mellorando o agro e o monte galegos

Comezou buscando mellores variedades vexetais e porcinas. Hoxe adícase fundamentalmente á investigación agraria e forestal.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/04/2021 | Actualizada ás 12:30

Comparte esta noticia

Este xoves, día 1 de abril, cúmprense cen anos desde a fundación, por iniciativa da Xunta de Ampliación de Estudos e Investigacións Científicas, da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), centro de investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) desde 1939.

Conforme lembrou o CSIC nun comunicado, o seu obxectivo fundacional era realizar investigacións e traballos de bioloxía aplicados á agricultura e gandaría de Galicia. Con este fin, o seu primeiro director foi Cruz Gallástegui e, nos primeiros anos, o labor centrouse na obtención de variedades vexetais e gando porcino de boa calidade, así como na transmisión dos coñecementos ao sector agrario.

As primeiras instalacións estiveron en Santiago de Compostela, na Escola de Veterinaria, que en 1927 trasladouse a León. Nese contexto, Daniel da Sota, presidente da Deputación de Pontevedra, xunto con outras personalidades da época, facilitou o traslado da MBG a Pontevedra. Na provincia, nun primeiro momento situaríase na leira da Tablada e, posteriormente, na leira e Palacio de Salcedo, coñecido como 'Pazo de Gandarón', propiedade da Deputación e a súa sede actual.

A partir de 1930 os traballos centráronse na mellora xenética do millo e na obtención de variedades de castiñeiro resistentes á tinta (unha das súas principais enfermidades), esta última liña consolidada por Ernesto Vieitez. A difusión en toda España da raza de porcina inglesa Large White foi outro dos obxectivos e fundouse, por iniciativa de Miguel Odriozola, a piara, que pronto adquiriu gran desenvolvemento e difundiuse por todo o país para a mellora xenética do gando porcino.

No período 1940-1950, a Misión consolidou as súas primeiras liñas de investigación sobre mellora xenética vexetal e animal e fisioloxía pero, entre 1960-1973, pecharíanse algunhas destas liñas por xubilación ou traslado dos investigadores. Con todo, mantívose a sección de Química Agrícola, baixo a dirección de Benito Sánchez, que iniciou o estudo dos chans agrícolas das provincias de Ourense e Pontevedra.

A pesar diso, as investigacións sobre xenética vexetal sufriron un parón ata que, a partir de 1973, Amando Ordás retomou a liña deestudio de mellora xenética de millo, comezando a recolección de variedades locais de millo e o inicio de programas de selección e mellora.

MÁIS INVESTIGACIÓNS E PERSOAL

A partir de 1980 abríronse novas investigacións e incorporouse máis persoal, o que permitiu desenvolver novos programas baseados en máis cultivos de importancia para Galicia: os legumes, as brásicas e a vide.

Ademais, colleitáronse e caracterizaron recursos xenéticos destas especies, conservadas no banco de germoplasma. A día hoxe, estes materiais son a base das investigacións que se realizan no centro e que permiten ampliar coñecementos teóricos sobre a xenética e mellora dos cultivos e desenvolver novas variedades resistentes a pragas ou enfermidades.

Na actualidade, a Misión Biolóxica de Galicia dedícase fundamentalmente á investigación agraria e forestal, ocupándose dos principais cultivos, e especies leñosas e ornamentais de Galicia.

Sede da Misión Biolóxica de Galicia. CSIC
Sede da Misión Biolóxica de Galicia. CSIC | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta