Horas extras, unha fraude invisible en aumento

O aumento das horas extra non remuneradas está traendo consecuencias como a falta de recadación por parte da Seguridade Social. Ademais, os sectores máis afectados teñen en común algúns puntos como seren dos máis feminizados e precarizados do mercado laboral. Segundo cálculos dalgunhas forzas sindicais, os e as traballadoras deixaron de ingresar máis de 2.000 millóns de euros por horas extraordinarias sen pagar en todo o Estado.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 15/04/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O sindicato UGT notificaba que as horas extraordinarias en 2020 sumaron un total de 320 millóns fóra dos horarios legais de traballo. E isto a pesar do Real Decreto-ley 8/2019, de 8 de marzo, de medidas urgentes de protección social y de lucha contra la precariedad laboral en la jornada de trabajo. Aínda así, a dilatación das táboas horarias segue sendo unha práctica frecuente que non sempre ten unha compensación remunerada que se reflicta nas nóminas ou facturas a fin de mes. Estas maneiras de obrigar á sobreprodución e ao presentismo laboral incidiron en segmentos laborais que van desde servizos a empregos administrativos.

Empregados de butano
Empregados de butano | Fonte: EP

NÚMEROS E PERSOAS

As estimacións apuntan  a máis de 700.000 persoas empregadas afectadas polo incremento das horas extras en España. Cun total de 320 millóns de horas engadidas aos horarios laborais de forma extraordinaria, o aumento foi de 6.3% máis en comparación con 2019. Segundo o informe que redactou UGT, o empresariado non pagou a metade de traballo a maiores materializado por empregados e empregadas.

Cuantificando en diñeiro, aproximadamente 2.500 millóns de euros non ingresaron nas economías familiares. Ademais, a Seguridade Social non tería ingresado 750 millóns de euros traducíndose nun 1.6% do déficit estimado para 2020. “Para toda Galicia, o número de horas extras realizadas en 2020 aumentou un 5.35% e afectou  a máis de 46.000 persoas” sinala Mar Martín de UGT-Galicia.

A quen afectou esta tendencia? As actividades altamente feminizadas e de servizos sociais así como as do fogar. “As mulleres acaparan tres cuartas partes do emprego a tempo parcial, ademais de que, por exemplo en educación, os profesores e profesoras realizaron tarefas por vídeoconferencia e que non se compensaron” di Martín. A deducción é que os horarios laborais aumentaron onde a pandemia da COVID non impediu seguir traballando. Outros sectores foron o militar, administrativo e servizos como limpeza.

Con todo, máis polo miudo pode observarse que por exemplo na construción en 2019 a porcentaxe de aumento en horas extra foi do 10,6% e en 2020 foi un 5.8%. O mesmo sucedeu coa pesca cun 8% en 2019 e logo un 6,4% en 2020.

A Xunta de Galicia, desde a Consellería de Emprego e Igualdade, desenvolve “en coordinación co Estado, o Plan de Inspección Laboral”. Segundo o departamento de María Jesús Lorenzana “trátase dun plan específico para detectar e corrixir as prácticas irregulares en materia laboral, sendo o prioritario a protección dos traballadores e a calidade do emprego”. Este plan, xunto co control de tempo de traballo e horas extraordinarias, “ten un papel destacado coa realización de campañas específicas nesta materia, con especial atención á situación da muller”.

NON SEGUIR COA REFORMA LABORAL DE 2012

Débese derrogar a lei para a reforma laboral de 2012 que permitiu o abuso da dilación horaria” destaca Martín. Esas dilacións ou abuso do presentismo laboral debería eliminarse. Isto traduciríase nunha “redistribución de postos de traballo, pois 320 millóns de horas extra poden traducirse en novos empregos”. O que tamén trae o incremento horario no mundo laboral é a maior precarización dos empregos, con salarios moi baixos en relación ao tempo prestado, unha presencialidade “moitas veces contraproducente para a empresa” e tamén inseguridade laboral, “se non quedo poden botarme”.

As alternativas a curto prazo sería un aumento da actividade de inspección laboral que permita acabar coa fraude que son as horas sen pagar e cotizar, ou mellorar os rexistros de horarios durante a negociación colectiva. Por outra parte, a longo prazo deberan aproveitarse os fondos europeos para cambiar o modelo produtivo e creando así a “redistribución de postos de traballo”.

A Consellería de Traballo pola súa parte apunta que “no ano 2019 inspeccionáronse 851 empresas nas que se levaron a cabo 2.218 actuacións e se levantaron 177 actas de infracción”. En 2020 “inspeccionáranse 880 compañías nas que se desenvolveron 1.978 actuacións e se levantaron 173 actas de infracción”.

As horas extraordinarias e sen remunerar son vistas como unha vía de abuso laboral, ademais dunha fraude fiscal. Por outra parte, aínda que en teoría a redistribución desas horas de máis en novos postos laborais podería ser factible, mais a actitude que perciben desde sectores sindicais é que “non queren fomentar novos empregos” desde o empresariado, esas horas sáenlles gratuítas.


Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta