Galicia baixa dos 2,7 millóns de habitantes en 2020, a sexta maior caída entre autonomías

Entre os inscritos no Padrón en Galicia, hai 113.614 estranxeiros, supoñen 976 máis que un ano antes (+0,9%), o que contrasta coa caída media do país (-0,5%).

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2021 | Actualizada ás 15:25

Comparte esta noticia

Galicia rexistra un total de 2.694.245 habitantes a 1 de xaneiro de 2021, o que supón 7.574 menos (-0,3%) que un ano antes, segundo os datos provisionais que publica este martes o Instituto Nacional de Estatística (INE) do Padrón Continuo.

Deste xeito, Galicia queda por baixo dos 2,7 millóns de habitantes, despois de ser a sexta comunidade que máis residentes perdeu en 2020, por detrás de: Madrid (34.297 persoas menos), Cataluña (23.551 menos), Castela e León (13.637 menos), País Vasco (7.943 menos) e Comunidade Valenciana (7.938 menos). Só hai cinco autonomías con datos de crecemento.

O total de persoas inscritas no Padrón Continuo en España a 1 de xaneiro de 2021 é de 47.344.649 habitantes. Esta cifra supón unha diminución de 106.146 persoas (un -0,2%) respecto dos datos a 1 de xaneiro de 2020, o seu maior descenso desde 2015 e coincide coa irrupción da pandemia.

As cifras que se publican este martes son un avance provisional. As definitivas, unha vez finalice o procedemento para a súa obtención e tras o informe favorable do Consello de Empadroamento, elevaranse ao Goberno antes de fin de ano, para a súa aprobación mediante Real Decreto, que será publicado no Boletín Oficial do Estado (BOE).

Dos 2.694.245 habitantes galegos, hai 1.397.643 mulleres e 1.296.602 homes. Un total de 136.444 persoas teñen 85 ou máis anos a 1 de xaneiro de 2021.

Por provincias, A Coruña está á cabeza (1.119.545 habitantes), seguida de Pontevedra (943.939), Lugo (325.851) e Ourense (304.910).

Entre os inscritos no Padrón en Galicia, hai 113.614 estranxeiros, supoñen 976 máis que un ano antes (+0,9%), o que contrasta coa caída media do país (-0,5%).

Dos 313 municipios galegos, a gran maioría (221) teñen entre un milleiro e 10.000 habitantes. Mentres, hai 37 concellos con menos de 1.000 habitantes, así como 48 municipios que conta con entre 10.000 e 50.000 residentes. A eles súmanse as sete cidades.

Terraza dun bar da Coruña. M. Dylan - Europa Press
Terraza dun bar da Coruña. M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta