Por gcdeportes | Compostela | 05/10/2013 | Actualizada ás 12:00
Cos antecedentes na man, o BNG esixe "respecto e tolerancia” coas bandeiras nacionalistas no Multiusos Fontes do Sar agora que vai principiar unha nova tempada da Liga ACB. Así, pide, tanto á Policía Nacional como aos axentes de seguridade privada do club, que non se prohiban “enseñas e símbolos democráticos”.
Lembra o Bloque que o propio Valedor do Pobo vén de recoñecer que “a prohibición da exhibición destes símbolos excede, con moito, dos supostos recollidos de forma expresa na norma vixente” e pide explicacións sobre os motivos para identificar as persoas que portan bandeiras de Galicia coa estrela vermella para animar o seu equipo.
A formación nacionalista quere evitar “a actitude represiva e inxustificada” contra os seareiros que levan estreleiras, símbolos democráticos amparados pola liberdade de expresión, e non elementos de provocación que incitan á violencia como pretendeu facer ver o Ministerio de Interior nunha resposta á deputada nacionalista no Congreso Rosana Pérez.
O Valedor expresa, así mesmo, que se debe aceptar que os espectáculos deportivos “xeran unha forte dinámica de identificación colectiva que, en moitos casos, implica unha identificación de carácter nacional expresada mediante cánticos, himnos ou bandeiras”.
O expediente nesta institución iniciouse tras unha queixa pola retirada de bandeiras nacionalistas por parte da Polícía Nacional no estadio de José Zorrilla (Valladolid) o pasado 11 de maio de 2013. Nas etapas da Volta ciclista en Galicia, tamén houbo queixas de cidadáns aos que non se lles permitiu o paso nos metros finais coas bandeiras nacionalistas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.