A Deputación de Pontevedra lanza 'Aviventa', unha extensa programación para "reanimar, fortalecer e protexer" a cultura

Carmela Silva presenta a programación cultural deseñada pola institución provincial para 2021.

Por E.P. | Pontevedra | 23/04/2021 | Actualizada ás 17:38

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este venres 'Aviventa Cultura', a programación cultural deseñada pola institución provincial para este ano 2021 e coa que se busca "reanimar, fortalecer, protexer e incentivar" este sector.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva | Fonte: Rafa Estévez - Europa Press.

"Imos alentar a cultura sendo cómplices da creación, impulsar ás persoas profesionais, botar novas olladas sobre o noso patrimonio e territorio, fortalecer o tecido cultural e dar a posibilidade de gozar da cultura", dixo a presidenta provincial.

Carmela Silva subliñou o investimento que fará a Deputación no tecido asociativo e profesional mediante programas xa asentados como son o 'Pontegal', que abre o catálogo de grupos para que as asociacións soliciten actuacións para os seus eventos durante todo o ano; ou o 'Musigal', con 55 concertos incluídos. O primeiro ten un orzamento de 600.000 euros, mentres que o Musigal conta con 500.000 euros.

Outros 480.000 euros dedicaranse a axudas a entidades sen fins de lucro para actividades culturais, para o apoio e desenvolvemento de festivais audiovisuais, para o desenvolvemento de festivais musicais e de artes escénicas e en axudas a escolas de música dependentes de asociacións sen ánimo de lucro.

Ademais, hai outros 315.000 euros dedicados ao 'Aviventa Música', co ciclo de concertos 'Música no Ar', o apoio ao circuíto das 7 citas musicais dos 'Festivais Rías Baixas Fest' e o programa para dar visibilidade ás mulleres na industria musical 'Descúbre-as'.

A programación cultural da Deputación contempla tamén un apartado co nome 'Aviventa Patrimonio', con 246.000 euros de orzamento.

Son accións como 'Tras as Ameas', con actividades culturais nos castelos de Soutomaior e Sobroso para os meses de xuño a outubro; 'Historias Cavadas', visitas escenificadas aos castros musealizados da provincia; ou 'Rutas de Arquitectura', con percorridos por varias comarcas da provincia guiados por profesionais para compartir experiencias e coñecementos a través dos edificios e construcións máis singulares.

Ademais, tamén se inclúe a 'Musealización do castelo de Sobroso', coa modernización e posta en valor do castelo como ben do Patrimonio histórico cultural.

'Aviventa Teatro', pola súa banda, destina 80.000 euros para 'Tornar ás Táboas', nunha aposta polas artes escénicas e as compañías profesionais da provincia. Unha programación específica de teatro para encamiñar unha volta aos espazos culturais dos 51 concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes.

Así mesmo, a proposta 'Aviventa Escritura' prevé 25.000 euros para a segunda edición da Escola de Letras e as Rutas literarias polos concellos da provincia.

Baixo o nome de 'Aviventa Cinema', a Deputación destinará 155.000 euros aos Rías Baixas Filme Fest, que son o Festival de Cans (O Porriño), Play Doc (Tui), FicBueu (Bueu) Festival de Cinema Inclusivo, (Vigo), Primavera de Cinema (Vigo), Curtas Festival do Imaxinario (Vilagarcía de Arousa), Curtas Armadiña (Poio), Novos Cinemas (Pontevedra), Galician Freaky Filme Fest (Vigo).

LINGUA, ARTE E ARTESANÍA

Un apartado especial nesta programación cultural é o dedicado a 'Nosa Língua', cun orzamento de 27.500 euros que se invisten en accións para festexar e promocionar a lingua máis aló das Letras Galegas.

Outro dos capítulos desta programación é o destinado á "arte, artesanía e historia, exposicións itinerantes", cun orzamento de 30.000 euros, que se orienta a mostras como 'Tecendo a natureza. Enrique Táboas', de cestaría tradicional en madeira; 'Vento nas velas', con fotografías de embarcacións tradicionais realizadas por Xurxo Lobato; 'O imaxinario do país. Letras de magnesio', retratos dos escritores galegos realizadas por Anxo Cabada; ou 'Cinemas de Pontevedra. Memorias dunha ilusión'.

Baixo o epígrafe 'Aviventa nas datas culturais', esta programación inclúe o Día de Rosalía (24 febreiro), o Día da Poesía (21 de marzo), o Día do Teatro (27 de marzo), o Día do Libro (23 de abril), o Día da Danza (29 de marzo), o Centenario do falecemento de Emilia Pardo Bazán, o Día das Letras Galegas (17 de maio), o Día da Música (21 de xuño) e o Día do Cinema (6 de outubro).

No denominado 'Aviventa a Comunidade Cultural', cun orzamento de 85.000 euros, figura o Culturgal, coa participación da Deputación de Pontevedra, así como as Feiras do Libro 2021 (Redondela, O Porriño, Ponteareas e Vigo), a organización do Premio Otero Pedrayo; os Premios Abrandares non Foco; os Premios María Luz Morais de Ensaio e Vídeo-Ensaio sobre o Audiovisual; e a colaboración cos Premios Martín Códax da Música Galega.

Ademais, contémplanse uns 83.000 euros para colaborar coa Fundación Laxeiro, a Fundación Marco, o Museo do Poblo Galego e a Fundación Rosalía de Castro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta