González Laxe e Santiago Lago, conselleiros da sociedade impulsada pola Xunta, Abanca, Reganosa e Sogama

Celebrada a reunión constitutiva con Conde como presidente, Botas como vicepresidente e outro sete integrantes do consello de administración

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/05/2021 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

A sociedade da que forman parte Xunta, Abanca, Reganosa e Sogama e que ten por obxectivo impulsar proxectos "estratéxicos" para a comunidade no marco dos fondos para a recuperación contra a crise da covid celebrou este luns a súa reunión constitutiva.

O encontro transcorreu na Cidade da Cultura coa participación do vicepresidente económico do Goberno galego, Francisco Conde e os conselleiros de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, e de Medio Rural, José González, así como responsables de Abanca, Reganosa e Sogama.

Esta Sociedade para ou desenvolvemento de proxectos estratéxicos de Galicia terá un consello de administración integrado por nove membros, e dará acollida ao expresidente da Xunta e economista Fernando González Laxe e ao tamén economista e director do Foro Económico de Galicia Santiago Lago, como "mellor garantía para que o traballo do grupo de expertos" na identificación de iniciativas para os fondos 'Next Generation' poida "ter continuidade".

Así o destacou o vicepresidente Conde en declaracións aos medios de comunicación antes de iniciarse o encontro no Gaiás. Esta sociedade márcase, segundo subliñou, un obxectivo "sinxelo pero ambicioso", que é "contribuír á maduración dos proxectos tractores" xa identificados e dar con outros novos que tamén se aliñen coa meta de lograr unha Galicia "máis verde e máis dixital".

En concreto, a presidencia corre a cargo de Francisco Conde, o conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas, será o vicepresidente e como conselleiros da sociedade figuran Valeriano Martínez e José González; o director xeral de Reganosa, Emilio Bruquetas; o secretario do consello de administración e director xeral de goberno corporativo de Abanca, José Eduardo Álvarez-Naveiro; o expresidente da Xunta e catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Coruña, Fernando González-Laxe; e o tamén catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Vigo, Santiago Lago Peñas. O secretario será o responsable de asesoría xurídica de Abanca, Eduardo Cortizo.

O primeiro reto, segundo explicou Francisco Conde, é "madurar o polo de transformación de Galicia para impulsalo e aspirar a que teña o recoñecemento do Goberno de España para poder xerar oportunidades na transición ecolóxica e dixital".

Reunión da sociedade de impulso para proxectos que optan a fondos europeos
Reunión da sociedade de impulso para proxectos que optan a fondos europeos | Fonte: Europa Press

"EN NINGÚN CASO VAI A INVESTIR"

Pola súa banda, Conde fixo fincapé en que a finalidade desta sociedade é "buscar futuros investidores pero en ningún caso ser unha sociedade de investimento". "Nace para identificar e madurar proxectos, levalos ao seu punto de investimento, que será sempre desde a iniciativa privada e esta sociedade en ningún caso vai investir nos proxectos", salientou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta