'A Tribuna', a revista da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, será dirixida por Marilar Aleixandre

Por E.P. | A CORUÑA | 03/05/2021 | Actualizada ás 17:27

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega (RAG) nomeou á académica de número Marilar Aleixandre como nova directora de 'A Tribuna', a revista da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán. Diso informou a Academia nun comunicado remitido aos medios, no que explica que a escritora e catedrática ad honorem da Universidade de Santiago de Compostela (USC) substituirá no cargo ao académico Xosé Ramón Barreiro Fernández, falecido o pasado mes de marzo.

Xunto a Marilar Aleixandre, o académico José Manuel González Herrán, un dos máis destacados especialistas na obra de Emilia Pardo Bazán e catedrático emérito da USC, será o director adxunto da publicación; e a académica Olivia Rodríguez, profesora da Universidade da Coruña, asumirá a secretaría.

A revista, que se publica desde o ano 2003, congrega aos maiores especialistas na figura e na obra de Emilia Pardo Bazán de todo o mundo. Ademais, a nova dirección da revista coincide no tempo co centenario da morte da escritora.

A Real Academia Galega celebrará ese mesmo día, o próximo 12 de maio, un acto conmemorativo na Rúa Tabernas, sede da institución e da Casa-Museo de Pardo Bazán, onde se conserva boa parte do seu arquivo e biblioteca persoal.

A programación da RAG con motivo do centenario da intelectual inclúe, entre outras actividades, un congreso internacional que terá lugar a finais de outubro, coincidindo coa chegada á Coruña da exposición Emilia Pardo Bazán. Antes, este xoves, día 6 de maio, Susana Seivane protagonizará un novo encontro do ciclo de conversacións de mulleres destacadas de distintos ámbitos na Casa-Museo.

Marilar Aleixandre dirixirá A Tribuna, a revista de Cásaa Museo Emilia Pardo Bazán. REAL ACADEMIA GALEGA
Marilar Aleixandre dirixirá A Tribuna, a revista de Cásaa Museo Emilia Pardo Bazán. REAL ACADEMIA GALEGA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta