As orixes do conflicto eólico en Galicia: "non é un problema de 2021"

A Sociedade Galega de Historia Natural fai memoria sobre os primeiros pasos da avalancha eólica que hoxe, a ollos do ecoloxismo, ataca Galicia. "En 2011 xa houbo un auténtico 'vendaval' de proxectos", apuntan.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/05/2021 | Actualizada ás 22:30

Comparte esta noticia

A avalancha eólica que dende hai un meses está a sufrir o territorio galego co beneplácito da Xunta de Galicia segue a xerar mobilizacións en rexeitamento de parte dos grupos ecoloxistas galegos, pero tamén de asociacións veciñais e mesmo científicas. Tal é o caso da Sociedade Galega de Historia Natural, que nas últimas xornadas vén de se pronunciar contra esta "ameaza eólica" nun ton claro: non é un problema recente.

Manuel Fraga. EUROPA PRESS - Arquivo
Manuel Fraga. EUROPA PRESS - Arquivo

"No que respecta a enerxía eólica hai que decir que a proliferación dos parques eólicos non é un problema de 2021, senón un fenómeno que se ven manifestando nos últimos 20 anos", apuntan nun comunicado recollido na súa páxina web. A SGHN recorda que foi o goberno de Fraga, alá por 1996, o que lanzou o o “Proxecto de Ordenamento Eólico da Comunidade Autónoma de Galicia”, tamén denominado “Plan Eólico Estratéxico de Galicia”. 

Segundo explican dende a Sociedade, a xestión deste plan eólico moveuse sempre con máis sombras que luces. "Incomprensiblemente (ou non), aos membros da Comisión de Traballo só se lles deu acceso a un dos once volumes do PEEG: o de conclusións. O representante de SGHN solicitou que todos os membros da Comisión de Traballo tiveran acceso aos once volumes. A resposta foi que non era posible facilitar copia dado o gran número de volumes e páxinas do PEEG", explican.

ERA FEIJÓO

A "mellora" na información ambiental coincidente co cambio de século permite que a SGHN leve anos solicitando informes "dos previsibles efectos ambientais dos proxectos durante o trámite de consultas previas á información pública". Este indicador dá proba de que avalancha eólica non é cousa de hoxe: "en 2011 xa houbo un auténtico 'vendaval' de proxectos eólicos (107 parques, 2 novos por semana), cunha morea na Reserva da Biosfera Terras do Miño, que levou a SGHN a dirixirse ao Comité Español das Reservas da Biosfera (máis…). As cifras tamén foron altas en 2020 (45 parques) e para o que vai de 2021 (25 parques, con ata 3 parques novos por semana!)", apuntan.

En conxunto, destacan dende a plataforma, dende 2011 a SGHN "leva presentados 274 informes/alegacións a 196 parques eólicos novos ou ampliacións/repotenciacións dos existentes". "Para calquer entidade ambiental como SGHN, que desenvolve o seu labor en base ao voluntariado, participar nestes trámites é un auténtico reto máxime cando os proxectos se amorean e coinciden no tempo como sucedeu e está a suceder neste intre cós eólicos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta