A vitoria de Ayuso

As eleccións celebradas, o día 4,  na Comunidade de Madrid completaban o catalogo de citas coas urnas  rexistrado no período de pandemia. Nos casos de Galiza, Euskadi e Cataluña a convocatoria derivaba da caducidade -explícita ou tácita- das respectivas lexislaturas parlamentares. Sabíase da notábel complicación que xeraban as circunstancias sanitarias no desenvolvemento da campaña e na propia realización dos comicios. Houbo, mesmo, discusión entre as forzas políticas concernidas a respecto da pertinencia das datas establecidas debido á persistencia dunhas cifras de contaxio que causaban unha lóxica preocupación.

Por Xesús Veiga | Compostela | 12/05/2021

Comparte esta noticia
No caso madrileño, todo foi diferente. A lexislatura aínda non chegara ao seu ecuador e non existían conflitos de envergadura na coalición gobernante -PP e C’s- que xustificasen a disolución anticipada da Cámara lexislativa. Tratábase dun obsceno cálculo partidista para reforzar o poder de Díaz Ayuso, acometido no contexto dunha incidencia pandémica de especial relevancia e pasando por riba de calquera consideración sobre o nivel de risco asociado a un acontecemento coma ese. O obxectivo do PP de Madrid non era mellorar a gobernabilidade dos asuntos públicos senón neutralizar aos competidores e provocar a máxima destrución nas forzas da oposición. Xa que logo, os convocantes non querían suscitar un debate sistemático sobre a xestión realizada e os problemas -sanitarios e/ou económicos- pendentes. O manual das “boas prácticas” políticas ficaba para as facultades universitarias ou para as discusións entre especialistas. A incógnita consistía en saber se esta lóxica contaba con apoios suficientes no seo do corpo electoral.
 
A conclusión é contundente. O plan establecido por Ayuso e os seus asesores acadou un éxito indiscutíbel, superior ao que prognosticaban as enquisas mais favorábeis: Ciudadanos desapareceu do mapa; Vox mantivo a súa presenza pero sen capacidade práctica para condicionar ao partido gañador; o PSOE perdeu a condición de forza maioritaria da oposición en favor de Más Madrid e UP no acadou o medre significativo que pretendía (coa derivada, non prevista, do abandono de Pablo Iglesias da vida política).
 
Como xa ocorrera nos tres comicios anteriores, os resultados do 4 de Maio non penalizaron á principal forza do goberno autónomo. Poren, houbo algúns fenómenos diferenciais moi significativos: unha elevada participación; a presenza abafante dunha retórica caricaturesca desenvolvida por Díaz Ayuso e o apoio acadado polo PP en sectores e áreas supostamente proclives aos partidos da esquerda. As análises demoscópicas postelectorais permitirán certificar a verosimilitude dalgunhas hipóteses explicativas do sucedido: apoio de segmentos importantes do electorado ás políticas permisivas na loita contra a pandemia aínda que iso representara asumir maiores niveis de mortalidade e contaxio; ampla asunción social dos discursos identitarios formulados dende a oficina de propaganda de Ayuso (a favor da existencia dun específico “modo de vida” madrileño; postulando a naturalización dun nacionalismo español negador da plurinacionalidade); incidencia do papel da dereita mediática na consolidación do marco narrativo finalmente gañador...
 
Se pousamos a vista na política galega, cabe considerar que o espectacular triunfo de Ayuso arruína as expectativas previamente construídas arredor dunha futura substitución de Casado por Feijóo. Agora mesmo, o presidente galego carece de opcións ante a emerxencia da nova lideresa madrileña. Talvez teña tempo para pensar se quere competir por un novo mandato en San Caetano, encabezando un PPdG mais autonomizado a respecto das mensaxes tóxicas que se emiten dende as sedes centrais do aparello estatal do seu partido.

A presidenta da Comunidade de Madrid e candidata nas eleccións do 4 de maio na rexión, Isabel Díaz Ayuso, intervén nun Almorzo Informativo de Europa Press, en Madrid, (España), a 5 de abril de 2021.. Eduardo Parra - Europa Press
A presidenta da Comunidade de Madrid e candidata nas eleccións do 4 de maio na rexión, Isabel Díaz Ayuso, intervén nun Almorzo Informativo de Europa Press, en Madrid, (España), a 5 de abril de 2021.. Eduardo Parra - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.