Que restricións hai esta fin de semana no meu concello? Todas as claves aquí

As reunións de non conviventes están permitidas en todo o territorio agás tres Laza, Padrón e Cambados.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/05/2021 | Actualizada ás 12:21

Comparte esta noticia

Os municipios de Laza, Padrón e Cambados serán, desde este venres ás 00,00 horas, os tres únicos de Galicia que permanezan co nivel máximo de restricións, en atención á súa situación epidemiolóxica, tal e como decidiu o pasado martes o comité clínico que asesora á Xunta e tal e como se ratifica no Diario Oficial de Galicia (DOG) publicado este mércores.

Así, a autoridade sanitaria determinou que este tres concellos, debido á incidencia acumulada en número de contaxios terán as máximas limitacións, o que significa que estarán pechados perimetralmente, a hostalaría pechada (salvo entrega a domicilio ou recollida para levar) e as reunións cínguense a conviventes.

Por outra banda, os concellos de Vilanova de Arousa e Cualedro, verán aliviadas as súas medidas restritivas, ao mellorar a súa situación. Así, Vilanova de Arousa pasará a estar en nivel alto, xunto con outro cinco municipios: A Laracha (que mantén a súa situación), Ribeira (mantén o seu nivel), Oleiros, Lobios e Cangas (estes aumentan o nivel de restricións).

Nestes casos, aínda que non hai peche perimetral, a hostalaría só pode dar servizo en terrazas exteriores, cuxo aforamento máximo será do 50 %.

NIVEL MEDIO E MEDIO-BAIXO

Doutra banda, aplicaranse a partir deste venres medidas de nivel medio (hostalaría ao 30 % en interior e ao 50 % en terrazas, e limitación de reunións a 4 persoas en interior e a 6 en exterior) en Ames, Betanzos, Melide, Noia, Ordes, Lalín, Silleda, Toén, Cerdedo-Cotobade, Soutomaior, Tomiño, Gondomar, Salceda de Caselas, Fornelos de Montes, Chantada e Carballeda de Valdeorras, que manteñen a súa situación epidemiolóxica.

En nivel medio tamén estarán Fisterra, Barbadás, Bueu, Moraña, Santiso, Carral, Moaña, Valga, Cuntis e Pontecaldelas, que verán aumentadas as súas restricións; así como Cualedro, A Pastoriza e Marín (que suavizarán as restricións que tiñan ata agora). O resto de concellos galegos estará en nivel medio-baixo de restricións (hostalaría ao 50 % no interior e ao 75 % en terrazas), incluída a cidade de Vigo, tal e como comunicou Sanidade tras analizar o resultado dos últimos cribados.

SITUACIÓN EPIDEMIOLÓXICA

Segundo recóllese no DOG, en base ao informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, a situación epidemiolóxica de Galicia, que xustifica a adopción destas medidas, reflicte que só as áreas de Pontevedra, Lugo e Ourense manteñen por baixo de 1 o número reprodutivo instantáneo, é dicir, o número de contaxios a partir dun caso activo de Covid, polo que, de manterse a situación, "podería aumentar a transmisión".

Do total de concellos de Galicia, 135 non notificaron casos nos últimos 14 días, mentres que o número de concellos sen casos nos últimos 7 días foi de 177 (datos trasladados polo comité clínico o martes pasado). Así, a incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 46 e 91 casos por cen mil habitantes, respectivamente, en Galicia.

O informe engade tamén que o feito de que a cepa que está a circular, fundamentalmente, sexa a cepa británica pode influír nun aumento da transmisión, ao que se suma a aparición de novas variantes como a P1 de Brasil e a de Sudáfrica e agora tamén a da India, tamén "máis transmisibles".

RATIFICACIÓN DO TSXG

Por outra banda, hai que ter en conta que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) avalou, segundo auto feito público nas últimas horas, as medidas propostas pola Xunta para a xestión da pandemia, unha vez que deixou de ter efecto, o pasado domingo, o estado de alarma.

En concreto, o alto tribunal galego ratificou o peche perimetral e o toque de queda entre as 23 e as 6 horas da madrugada nos concellos galegos en risco extremo (máis de 500 casos por cada 100.000 habitantes) e as restricións nas reunións, tanto para este grupo de municipios como en toda Galicia entre a 1 e as 6 da madrugada.

Varias persoas nunha terraza, o día en que entran en vigor novas medidas na hostalaría, en Vigo / Europa Press. / Europa Press
Varias persoas nunha terraza, o día en que entran en vigor novas medidas na hostalaría, en Vigo / Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta