"Quen vai querer mercar unha casa que quede dentro dos límites dun parque eólico?"

A comarca de Bergantiños mobilízase contra un modelo eólico "caótico" que, sosteñen, acelerará o despoboamento do rural.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A comarca de Bergantiños continúa en pé de guerra contra o actual modelo de implantación de enerxía eólica. Nas últimas semanas, a Coordinadora Bergantiñá pola Defensa da Terra vén de realizar diversos encontros entre a veciñanza para poñer de manifesto os “previsibles impactos ambientais e socioeconómicos” dos 19 parques eólicos que, neste momento, estarían en tramitación sobre a área, unha das máis afectadas de toda a Comunidade galega. 

Parque eólico de Naturgy na Pastoriza (Lugo). NATURGY
Parque eólico de Naturgy na Pastoriza (Lugo). NATURGY

Fronte a esta “avalancha eólica”, a Coodinadora subliña que están a marcar o rumbo dos movementos ecoloxistas e asociativos da comarca, que levan xa meses denunciando o “caos” que rodea á planificación eólica en Galicia e que, ao seu ver, se caracteriza por unha fragmentación “artificiosa” de proxectos para tentar superar con maior facilidade os efectos da avaliación ambiental sostida pola Xunta. 

Esta foi, precisamente, unha das cuestións máis denunciadas no último encontro sostido pola veciñanza, o pasado 15 de maio. O outro elemento que centrou o debate veciñal pasou pola “perda de valor das propiedades” que queden sometidas á depreciación dos terreos que fican dentro das poligonais das estacións eólicas, é dicir, no seu marco de delimitación a nivel administrativo. 

"TERREO DE SACRIFICIO"

Segundo apuntan dende a Coordinadora, a cuestión que máis pende sobre os veciños afectados é: “Quen vai querer mercar unha casa ou unha finca que estea dentro da poligonal dun parque eólico?” ou “Quen vai investor nun  proxecto que vaia quedar dentro da poligonal dun parque?”. Para a plataforma, esta preocupación evidencia que que “a medio e longo prazo” o “desorde” da actual invasión eólica “só acelerará o despoboamento do rural e o éxodo da poboación rural. 

"A Costa da Morte é o terreo de sacrificio para a Xunta de Galicia e as mercantís eólicas que atopan nesta zona de Galicia “El Dorado Eólico” promovido pola pasividade da clase política", apuntan dende a plataforma, que acusa á administración autonómica de apuntalar os proxectos eólicos "coa súa deliberada implantación normativa que provoca unha liberación lexislativa favorecendo a tramitación destes proxectos e permitindo a ocultación das problemáticas socioeconómicas e ambientais [que aparellan]".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta